José García Liñares: «Vivirei como un xubilado máis, non creo que me aburra, nunca o estiven»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana Garcia

«A semana que vén marcharei, tal e como xa dixen, e tamén nomearase ao novo alcalde, ou alcaldesa», explica o ata agora rexedor de Cerceda

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É alcalde de Cerceda dende hai case 25 anos. Acadou o bastón en febreiro de 1995 e xa non o soltou. Agora, tras a sentenza que o inhabilita para cargo público durante 8 anos por prevaricación administrativa, José García Liñares (1951, Tordoia) decide marchar. Tócalle abrir novos frontes na súa vida, afastada dos focos mediáticos da política.

-O martes falou dun prazo de dez días para deixar o cargo.

-E mantéñoo. O que sucede é que hai cousas do Concello que están da miña man e quero deixalas arranxadas para que a persoa que veña despois empece, por así dicilo, de cero.

-Ese elixido é Juan Manuel Rodríguez, o seu número dous?

-Pode ser el, ou calquera dos que conforman o actual goberno municipal de Cerceda.

-Cando se dará a coñecer o substituto, ou substituta?

-Tamén, a semana que vén.

-¿Mantén que a sentenza da Audiencia Provincial é inxusta?

-Insisto, son un demócrata e acato as resolucións xudiciais. Todas. As que son favorables e as que non o son. Pero unha cuestión é acatar e outra, moi distinta, é estar de acordo. E non o estou.

-Por que?

-Porque manteño que se houbo un erro, foi administrativo, na licitación dunha obra. Por certo, non meu, senón dos servizos técnicos. Estou condenado, porque aí están os escritos, pese a que se recoñece no xuízo que non tiven constancia, nin de forma oral nin por escrito, que houbera un erro na tramitación do expediente de contratación das lagoas do parque acuático do Acevedo. Pero un erro administrativo non pode derivar nun xuízo penal. Creo que é inxusto.

-Podería recorrer ao Supremo e manterse no cargo ata que o alto tribunal se pronunciara?

-Podería, como solicitar a nulidade de actuacións á Audiencia Provincial, apelar ao Constitucional, ir a Estrasburgo... Pero non vou exercer ese dereito. Sempre dixen que se o fallo da Audiencia Provincial era contrario aos meu intereses o normal é que marchase e así o farei. Acudir ao Supremo é complicado porque unha apelación tarda uns dous anos en resolverse. O Concello, os intereses dos veciños están moi por riba do interese privado dun alcalde. Non podo paralizar a vida do Concello por un tema persoal, non o farei. A nivel persoal vivín unha especie de pesadelo, do que quero pasar páxina o antes posible. Por iso tampouco quero exercer o meu dereito de acudir ao Tribunal Supremo.

-¿O seu teléfono móbil segue a botar fume?

-Por sorte si, e todas as chamadas, mensaxes e wasaps son para agradecer o que fixen estes 25 anos por Cerceda.

-Na oposición estarán contentos.

-Que o estean. Foi o voceiro do PP quen me denunciou, pero é unha vitoria pírrica. Non fun condenado por meter a man na caixa. A oposición acadou no xulgado o que non logrou nas urnas. Por certo, son sete maiorías absolutas. E a persoa que tome o relevo ten tres anos por diante para facer un bo traballo en favor dos veciños e cunha maioría absoluta, que sempre é importante cando se comeza na política.

-Hai quen di que vostede non marchará nunca, que seguirá movendo os fíos no goberno.

-Xa o dixen na rolda de prensa na que anuncie a miña marcha. Cando cheguei non quixen ser títere de ninguén e polo tanto teño que actuar en consecuencia. A persoa que veña terá toda a liberdade para traballar. Non quero que sexa o meu títere. Sería unha mala persoa se lle ordenase o que ten que facer. Outra cousa é que se alguén me chama para pedir un consello ou que lle dea a miña opinión sobre un tema, dareilla, pero sen ánimo de intervir. Eu sempre estarei a disposición da persoa que leve o Concello, pero sen influír na súa toma de decisións, que quede claro.

-Fágame un rápido balance da súa traxectoria política.

-De 25 anos de alcalde? Creo que deixo un goberno estable, cunha nova e reforzada maioría absoluta. Tamén deixo un Concello saneado, sen débedas, sen cargas. Un Concello con centro de día e fogar residencial, cun polígono, como o Acevedo, que xera 1.500 postos de traballo directos, co que iniciamos a cuarta fase de ampliación cuns 428.000 metros cadrados máis. O Aquapark segue a ser un referente en Galicia. Temos o lago das Encrobas, que debe ser o futuro turístico de Cerceda. Melloráronse as redes de comunicacións. Agora Cerceda está moito máis preto da Coruña, de Santiago, de Alvedro, de Lavacolla, da A-6 con Madrid... Teño que falar tamén de Sogama, porque cando ninguén apostou por Sogama en Cerceda eu fun o único que si apostei e os resultados están aí: mil postos de traballo máis, entre directos e indirectos. Sempre defendín a súa ampliación, con moitos críticos que dicían que non, e aí está. Melloráronse e aumentaron as instalacións deportivas, hai mellores estradas, máis sendas peonís, un xardín botánico, a Aula da Natureza. Deixo un Concello, que apenas ten 5.000 habitantes, que ten unha das rendas per cápita máis elevadas de Galicia. E deixo un Concello con cinco millóns de euros en subvencións para sendas peonís e renovación do alumeado público. Un millón de euros para a senda verde Cerceda-Santiago, 700.000 euros para saneamento...

-Está preparado para vivir lonxe dos focos, da prensa, das liortas políticas...?

-A miña etapa ao fronte do Concello de Cerceda rematou, iso quero deixalo claro. Estarei de vez en cando polo Concello durante dous ou tres meses porque hai temas que non se poden resolver nuns días e quero explicarlle ao futuro alcalde, ou alcaldesa, como están os expedientes. En canto a miña situación persoal, serei como calquera xubilado. Farei o que me dea a gana, como levantarme tarde, sen demasiadas inquietudes, ler, ver a televisión... Non creo que me aburra, nunca o estiven.

-Como lle gustaría que o recordaran?

-Por ser boa persoa, con defectos e virtudes, con erros e acertos, pero que sempre actuei pensando no mellor para Cerceda.