«Queremos abrirmos moito máis á sociedade en xeral»

Os novos aspirantes ás alcaldías | Alberte Sánchez, candidato polo BNG de Cerceda, recoñece que se presenta con moita ilusión, pero que nota a presión do liderato


carballo / la voz

Alberte Sánchez Regueiro (Xermar, 1973) é concelleiro do BNG en Cerceda e, por primeira vez, candidato á alcaldía.

-Como leva iso de estar en primeira liña?

-Lévase, con algo de presión. Con ilusión, pero con presión.

-Sempre se fala de equipos...

-Nós, efectivamente, somos un equipo no BNG, pero o que leva o maior peso é o primeiro. Repartimos o traballo e mesmo os resultados, pero o da presión é outra cousa.

-O seu foi un recambio natural?

-Si, avaliamos con Rocío, que levaba uns cantos anos, a idea de cambiar, aínda sen saber o problema de Liñares coa Xustiza.

-Hai algunha relación?

-Non, non. Antes de iso xa tiñamos pensado o cambio no cabeza de lista. Decidímolo antes de saber iso, pero non o anunciamos ata despois polo rifirafe.

-Cales son as súas aspiracións?

-Quero romper co mito de que o BNG ten un teito en Cerceda. Queremos cambiar a política que se fai no municipio, que sexa para tódolos veciños e que deixe de ser de amizades e clientelar. Internamente queremos abrirmos moito más á sociedade en xeral.

-Parece difícil que haxa algunha maioría absoluta ¿Que van facer se non ha hai?

-Non temos plans, non falamos nada ao respecto. Será algo que teremos que pensar despois das eleccións. Efectivamente non vemos que haxa maiorías absolutas en Cerceda. En todo caso, nós imos traballar coa mente no mellor resultado e, despois, no mellor pacto para o electorado de Cerceda.

-Como resumiría o seu programa electoral?

-Traballamos con tres ideas, queremos vivir en Cerceda, paticipar en Cerceda e que haxa un futuro para Cerceda. A partir destes tres eixos vertébrase o programa. A xente ten que quedarse aquí, estar na vida política e municipal e non temos nin o PXOM aprobado.

- A situación do alcalde de Cerceda precaria e os seus antecesores abandonaron o cargo de forma abrupta. Por que cree que pasa iso no seu municipio?

-Debe haber unha maldición, aoisillón da alcaldía debe estar meigado. Se chego a alcalde o primeiro que vou facer é cambialo. En todo caso, é esperpéntico que se dea esta situación desde 1985, que os nosos alcaldes foran inhabilitados por unhas cousas ou outras, aínda que vendo quen foron os últimos tampouco é raro. Sempre lles gustou exercer de ditadores, pero a Xustiza tamén ten o seu poder e, alo menos, ao final acábase sabendo todo.

-Foi vostede secretario xeral de Adega e quere ser alcalde dun concello con luces e sombras en materia de medio ambiente.

-Ten máis ben zonas escuras. Non se pode dedicar todo un concello a unha soa industria, en concreto a do lixo, e só é unha parte da cuestión. Temos que pensar nunha industrialización baseada no medio ambiente, e non en tecnoloxías a todas luces obsoletas. Hai que empezar a ir por outros camiños. Temos zonas con un gran valor natural e moitas posibilidades de aproveitamento como a Ribeira da Pena, pero tamén o lago das Encrobas, monte Xalo ou as vellas vías do tren.. Neste tipo de actuacións son nas que temos que traballar.

-Como será a campaña?

-Atenderemos ás redes sociais na medida do posible, pero tamén iremos polas parroquias para falar coas asociacións e tamén a pé de porta, polas casas, porque temos que chegar coas nosas ideas á xente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

«Queremos abrirmos moito máis á sociedade en xeral»