José García Liñares: «Non vou dimitir e non hai fallo que me obrigue a cesar»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana García

O alcalde de Cerceda foi condenado en primeira instancia a un ano e medio de prisión e 16 de inhabilitación por prevaricación administrativa e fraude

16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Cerceda (5.013 habitantes) dende hai case 24 anos, o socialista José García Liñares, foi condenado en primeira instancia a un ano e medio de prisión e 16 de inhabilitación por prevaricación administrativa e fraude, por supostas irregularidades na contratación dunha obra pública.

-Como valora a sentenza?

-Unha sentenza deste tipo nunca é agradable, aínda que neste caso tampouco me sorprendeu. Logo dun xuízo no que non me deixaron defenderme é lóxico que despois me condenen. Acúsanme de dous delitos dos que non existe ningún. Non houbo fraude, porque as obras están aí, e tampouco prevaricación administrativa, porque non se deu ningún dos tres supostos: que se cometese, que fose inxusto e que fose a sabendas.

-Fala de contradicións no xuízo.

-O fiscal dicía que era innecesario [unha drenaxe da obra]. Era do único do que me acusaba. Se era innecesario, quere dicir que a había. Pero o xuíz inventou, porque ninguén o dixo no xuízo, que non había drenaxe. Houbo, ao meu entender, unha contradición clara entre o fiscal e o xuíz.

-A oposición pídelle a dimisión.

-Non teño previsto dimitir. As dimisións, que eu saiba, son actos voluntarios, non esixibles. Moralmente sempre se poderá esixir unha dimisión, pero xuridicamente, non. E aquí movémonos en termos xurídicos. Non hai ningunha sentenza que diga que eu teña que cesar. Unha cousa é a dimisión, que non vai ser, e outra é o cese, ao que a min ata agora non me obrigaron, vía sentenza.

-Si deixou o cargo de responsable de Deportes da Deputación da Coruña.

-A sentenza refírese unicamente ao ámbito local, é dicir, como alcalde. Pero non quero, nin debo, meter aos meus compañeiros da Deputación nunhas circunstancias que non afectan, para nada, á Deputación.

-Poderase presentar en maio?

-A sentenza recorrerase ante a Audiencia Provincial. Solicitarase a nulidade do xuízo e, de forma subsidiaria, a libre absolución, pero todo pasa por que a Audiencia falle pronto, como moi tarde a mediados de abril...

-Xa pensaron noutro candidato?

-Temos un gran viveiro de candidatos e candidatas e calquera pode selo.

-Sente o respaldo do PSOE?

-Si. No PSOE xamais me pediron a dimisión. Se por algún fose, seguiría na Deputación.