«Cando detiveron a Moncho Valcarce as mulleres eran os piquetes na igrexa»

paula hernández / i.c. SANTIAGO / LA VOZ

CERCEDA

LUCÍA JUNQUERA PAZOS

O Museo do Pobo Galego mostra a traxectoria vital e as loitas do cura das Encrobas

06 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia dun home, Moncho Valcarce, e do seu legado como líder agrario está hoxe en mans dos seus amigos na Irmandade Moncho Valcarce. Xácome Santos preséntase como o secretario da asociación, pero, por encima de todo «son amigo de Moncho». Onte inaugurouse no Museo do Pobo Galego a exposición Moncho Valcarce. Unha vida de compromiso con Galiza. «É un lugar idóneo. Moncho estaría moi contento de poder ter esta exposición e poder falar del nun sitio tan magnífico e que dignifica tanto a cultura galega como é o Museo do Pobo Galego. Non hai outro espazo mellor», agradece Xácome Santos.

A mostra pódese visitar ata o 16 de setembro. «A exposición está organizada polo 25 aniversario do falecemento de Moncho. Mostra toda a súa traxectoria, dende que naceu, pero facendo fincapé en todas aquelas loitas que liderou», conta Santos, que engade: «Paralelamente tamén nos damos conta de cales foron as loitas máis importantes que houbo en Galicia dende o ano 75 ata a democracia». Todo isto recóllese en «cadros con fotos e textos e un vídeo sobre a vida de Moncho e as súas loitas», que elaborou a propia Irmandade.

Desas fotografías Xácome Santos destaca «unha das Encrobas onde aparece un garda civil con cara de enfadado e unha señora maior berrándolle». Moncho Valcarce liderou esta loita dunha parroquia de Cerceda para que aos veciños non lles expropiasen as súas terras, e valeulle o seu sobrenome de cura das Encrobas, «aínda que nunca foi crego alí», engade Santos. «Foi a primeira gran manifestación de Galicia, máis de 5.000 persoas, e o máis importante, apoiando aos labregos». Esta loita custoulle a súa detención e unha das súas estadías no calabozo. «A Igrexa tivo que mandar outro cura para que dera misa en Sésamo, un párroco da Coruña que os veciños coñecían. Cando chegou á igrexa de Sésamo había piquetes na porta, eran as propias mulleres que lle dixeron que ata que non volvera don Ramón alí ninguén daría misa», conta como anécdota Xácome Santos.

Estas situacións sucedían porque «Moncho conseguía que todo o mundo se solidarizase», explica Santos. «Pola súa casa pasaban todos os partidos que durante a ditadura eran ilegais, el levaba a liberdade de expresión ata o seu extremo máis amplo».

Outra das anécdotas que Xácome Santos comparte como amigo do cura das Encrobas é a de como souberon do problema que estaba ocorrendo en Baldaio en 1977. «Moncho e mais eu parabamos nun bar que estaba en María Pita, na Coruña, un local ao que iamos escoitar Radio Pirenaica, que nese tempo era ilegal. Petaron á porta e nós asustámonos pero era Carlos O Xestal, un conta contos que ía polas romarías e que tiña mala sona porque non caracterizaba moi ben aos galegos. Víñanos pedir axuda porque unha empresa quería extraer area da marisma de Baldaio», recorda Xácome Santos.

En resumo, «a historia de Moncho é a de todas as loitas agrarias», sentencia o secretario da Irmandade. A día de hoxe cre que seguiría sendo unha figura polémica porque «el sempre dixo “o poder para o pobo”, eu creo que incluso estaría liderando o principio das sentadas do movemento 15-M», reflexiona Santos.

«Os valores que el implantou e defendeu de dignificar aos máis desfavorecidos, concretamente á clase rural galega, é o que hai que transmitir. E tamén a capacidade dos labregos galegos para organizarse e loitar», destaca Santos. Tamén conta que entre os plans máis próximos da Irmandade está o de explicar toda esta historia ás novas xeracións mediante charlas nos centros educativos e seguir movendo esta exposición.

A exposición. Moncho Valcarce. Unha vida de compromiso con Galiza pódese visitar ata o 16 de setembro no Museo do Pobo Galego.

A súa memoria. O cura das Encrobas liderou as loitas agrarias de Galicia. A Irmandade transmite os seus valores e compromisos.