«Despois do pau co Cirbonero pensei en deixalo, pois foi moita desilusión»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

O porteiro do Bergantiños, Cristopher Pallas: «Non quero quedar coa espiña cravada de nunca ascender co Bergantiños, que pode ser xa este ano»

06 jul 2018 . Actualizado a las 00:53 h.

O porteiro do Bergantiños, Cristopher Pallas Lorenzo (Ginebra, Suíza, 1987), recibiu o pasado venres na Gala do Fútbol Galego un trofeo por ser o meta menos batido da Liga en Terceira División (Grupo 1). Sucedeu en Santiago de Compostela e entregoullo a Asociación de Clubs Galegos de Fútbol. Todo un mérito ós seus 31 anos, que non fai outra que demostrar a súa experiencia na categoría e, á vez, que está en pleno rendemento. Non van nada máis que 11 tempadas en Terceira, logo dunha primeira co Bergantiños, as seis seguintes co Cerceda e as catro últimas no propio club carballés.

-O Bergantiños só recibiu 29 tantos en contra na Liga ¿Como é posible? ¿Este ano preparouse máis, houbo unha mellor defensa ou como foi a cousa?

-Un sempre se prepara da mesma forma. Simplemente que o equipo estivo máis acertado. Todos defendemos, dende o dianteiro ata o que estaba na portería, e a verdade é que, defensivamente, foi un gran ano.

-O seu bo facer entre os tres paus xa lle foi recoñecido en anos anteriores co Bergantiños, en Preferente, e co Cerceda, en Terceira. ¿Pero nunca vén mal que se repita, non?

-¡Eu encantado! [ri]. Recíboo con moita alegría, porque ao fin e ao cabo é un premio ao meu esforzo e traballo. Aínda que tamén penso que é un recoñecemento para todo o equipo, porque houbo partidos nos que tiven que facer poucas intervencións e iso é grazas ó bo labor dos xogadores.

-Quizais tamén influíu que comezaron a tempada cun obxectivo moi claro: entrar nos catro primeiros postos para poder disputar o segundo play-off consecutivo e lograr o soño.

-Totalmente. Nós sabiamos que tiñamos que gañar como fose para conseguir o primeiro posto, aínda que finalmente, non se logrou. Tamén eramos conscientes de que na Terceira non hai grandes diferenzas de goles, pois sempre son resultados moi curtos, polo que a clave era deixar a portería a cero e a partir de aí conseguir os 3 puntos.

-A día de hoxe, Carballo aínda segue recordando ese gol tan inxusto que vostede encaixou no partido da volta da primeira eliminatoria contra o Cirbonero no tempo engadido. ¿Xa superou ese mal trago ou aínda lle segue queimando por dentro?

-Se lle digo a verdade, aínda o pensei a semana pasada, porque vin a repetición e sempre está na miña cabeza. Foi un pau moi duro. Sobre todo, cando se ten a esperanza de subir. Pasoulle mesmo á selección española este día; que ninguén daba un duro por Rusia e ó final, foi eliminada a penaltis. Pero bueno, así é o fútbol; non hai nada escrito e os grandes gáñanlle ós pequenos, ou ó revés. É o bonito deste deporte.

-Din que á terceira vai a vencida.

-Bueno, eu levo 6 e aínda nada [ri]. Pero si, co Bergantiños será a terceira consecutiva, e o club está traballando moito nese sentido, incorporando xente que nos de ese plus necesario para dar o salto. Pero tamén sabemos que vai ser unha liga moi dura co Racing de Ferrol e o Compostela. Non obstante, nós intentaremos conseguir o obxectivo.

-Vostede foi a primeira renovación do equipo de cara a próxima campaña. Ese non é un privilexio do que todo o mundo goza. De forma persoal, ¿como afronta a tempada?

-Despois do sucedido co Cirbonero, pensei en deixalo, porque foi tanta desilusión que non vía claro o tema de seguir xogando. Pero falei con Cendán [o secretario], e a verdade, xogar na casa dáme tranquilidade, e a ilusión e o traballo nunca me van faltar. E tamén, porque non quero quedar coa espiña cravada de nunca ascender co Bergantiños, que pode ser xa este ano.

-¿Que opina sobre os cinco xogadores que chegaron novos?

-Está claro que cando tiñas unha plantilla tan boa, é difícil cubrilos ou melloralos. Pero o club estao facendo con xente experimentada en Terceira e, incluso, de Segunda B, e aínda faltan algunhas incorporacións. Pero bueno, ó final da tempada será, como sempre, cando haxa que mirar á anterior para comparar e ver se cumpriches a fin.