«Ó principio non me gustaba nadar, quería xogar ó fútbol»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

CEDIDA

O cercedense Ángel Fraga estableceu un novo récord galego absoluto na proba júnior de 100 metros socorrista

15 jun 2018 . Actualizado a las 00:52 h.

Ángel Fraga, de 18 anos de Rodís (Cerceda), vén de lograr no sexto Open Internacional en Madrid celebrado o pasado mes de maio co Club Natación Cerceda a medalla de bronce na proba de 100 metros socorrista na categoría júnior. Pero o éxito non queda aí; vai moito máis alá. Cun tempo de 56,37 segundos marcou un novo récord galego absoluto. E por se isto fose pouco, na proba de 100 metros rescate con aletas tamén alcanzou o cuarto posto.

-Vaia orgullo ir a Madrid e regresar cun novo récord galego ás costas, ¿non?

-Esta tempada, a verdade, fun mellorando as marcas que xa tiña e conseguín varios récords. Na proba de 100 metros socorrista mellorei o anterior tempo persoal de 57,11 segundos, e na de 100 metros rescate manequí aletas, que xa tiña o récord establecido, pasoume igual.

-É curioso, formándose no club dun pequeno municipio en comparación cos das grandes cidades.

-Si, a verdade iso resúltanos moi raro, porque no noso club xa tivemos varios deportistas destacados sendo que somos un pobo pequeno. Hai potencial [ri].

-¿En que consistiu a proba?

-É unha proba moi curta, de tan só catro largos. Consiste nun simulacro dun rescate no que tes que nadar a estilo libre, o máis rápido é a crol, unha distancia de 50 metros ata o manequí. E unha vez que chegas, hai que enganchalo co material que se chama flopi, un salvavidas, e regresar de volta. E todo iso, con aletas.

-¿Dende cando adestra neste club?

-Pois xa hai uns 10 ou 11 anos. Ó principio non me gustaba nada; quería máis ben xogar ó fútbol. Pero ó final, unha vez que coñecín ben este deporte, vin que estaba completamente equivocado, porque é moi variado e encántame.

-¿Canto tempo lle dedica á semana?

-Iso depende un pouco do próxima que estea a competición. Para esta de Madrid, por exemplo, adestrei cinco días ou seis en distintas sesións de ximnasio e piscina, obviamente, sobre un total de dúas horas e media diarias. O que está claro é que canto máis adestras, mellores resultados obtés. Iso é así de toda a vida [ri].

-Comezando tan novo, supoño que esa rutina tivo que obrigalo a esixirlle máis para organizarse e compaxinar os estudos.

-É cuestión de organización, totalmente. Se un se organiza, é doado levar todo ben.

«Ata que poida seguir entregado, nunca pararei»

Ángel Fraga xa ten as cousas moi claras de cara ó futuro.

-Comezou nadando, pero agora xa está especializado en salvamento. ¿A que se debeu o cambio? ¿Gústalle máis?

-Eu, de pequeno, xa antes de iniciarme neste deporte, ía a cursos de salvamento. Gustábame. E ao pouco de entrar meu irmá no club, meus pais metéronme a min. E o que pasou é que aínda que o club, nas súas orixes era de natación, ó descubrir a modalidade de salvamento especializouse niso soamente. De feito, habería que cambiarlle o nome á entidade, pero xa son moitos anos [ri].

-Agora que ten a maioría de idade, ¿pensa meterse a traballar de socorrista?

-Si que me interesaría. Teño que informarme como vai o asunto, pero nas probas físicas non creo que tivera problemas para pasalas [ri].

-Pero antes, está o obxectivo de seguir batendo récords, ¿non?

-Si, iso é o primeiro. Ata que poida seguir entregado a este deporte, tanto fisicamente como polos estudos e traballos, nunca pararei.

- Anda a voltas coa selectividade. ¿Que tal lle está indo?

-Xa remato hoxe á tarde os exames, e penso que me foi bastante ben; non vin nada inesperado. Agora toca esperar polos resultados.

-¿A que quere dedicarse?

-Enxeñería informática, pero a ver. Pensei algunha vez en facer INEF, pero gústame máis esta outra rama, e ademais creo que é a mellor opción en vista de que agora todo está enfocado ás tecnoloxías e penso que ten máis saída.