«Outros ían á praia, eu collía tomates»

Luis garcía / j. v. l. CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana Garcia

O produtor está a probar agora o paso cara ao demandado mercado ecolóxico

07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O cercedense Néstor Liñares explica como deixou a súa carreira de informático para seguir os pasos de súa nai na horta e como esta profesión lle dá satisfaccións e máis ánimos para emprender novos proxectos dentro do seu sector.

-¿Cal é a traxectoria da súa explotación?

-No ano 89 miña nai tiña vacas na casa e tamén fixera algún curso de costura, pero ningunha das actividades lle acababa de convencer, así que decidiu pasarse á horta. Empezaron con dous invernadoiros tipo túnel e con cinco ou seis variedades de horta: amorodo, repolo, leituga, tomate, pemento,... Comezaron a distribuírlle aos comercios que estaban aquí ao lado. Levábanlle a Cerceda a Ordes,... algún restaurante. Todos os seus clientes antes traían os produtos do mercado central de froitas de A Coruña, que sempre levaba dous ou tres días apañado. Eles entregaban directo e sempre tentaron manter uns mínimos de calidade altos. Por iso eran un alternativa atractiva.

-Xogaban a baza do produto fresco, apañado no mesmo día ou na noite anterior.

-Sempre tentabamos no mesmo día pola mañá. Chamabamos a todos os comercios que tiñamos na lista. Á última hora era cando eles vían o que lles faltaba na tenda e facíamos o pedido o máis axustado posible para o día seguinte.

-¿Canto hai que está incorporado á explotación, porque estudara Informática, non?

-Si, estudara Informática e traballaba na Coruña nunha empresa que facía formación a través de Internet e máis software para adaptar as empresas a lei orgánica de protección de datos. Incorporeime hai uns seis anos cando miña nai tiña 55 e foi en plan: «¿A ver Néstor, que facemos, pechamos todo, alugámolo..?». Claro, eu dende pequeniño, mentres o resto de rapaces ían á praia eu andaba por aquí, axudando a coller nos tomates, plantando... Aínda que de aquela o vías como algo que che quitaba o teu tempo libre, agora de maior velo como unha actividade moito máis atractiva.

-¿Estan en ecolóxico?

-Non, o tipo de agricultura que facemos é agricultura integrada, pero, polo que teño entendido, a día de hoxe non hai ningunha explotación en Galicia dada de alta como integrada, pero son os criterios de sanidade vexetal, que depende de Medio Rural, son uns criterios bastante próximos e seguímolos para manter unha seguridade axeitada. Estamos facendo probas para o ecolóxico porque no mercado cada vez hai máis demanda. Tamén cada vez hai no mercado máis produto para certificación ecolóxica: fitosanitarios, correctores de carencias nutricionais,... co cal eu coido que cada vez é un pouco máis doado cultivar. Como o noso sistema de traballo é o convencional queremos darlle aos nosos clientes produto de máxima calidade, pero tamén a un prezo que a eles lles sexa interesante, que teñan ou seu marxe. Por iso estamos a ver se somos quen de equiparar os custes de ecolóxico cos da horticultura tradicional.

-¿Que superficie e que cultivos ten?

-Ao aire libre hectárea e media e cuberta, 8.000 metros. De cultivos, facemos leituga todo o ano e tomate en tempada. Agora, co cambio a ecolóxico, queremos meter unha cebola e un repolo para facer unha rotación correcta. Agora, ademais de no mercado local, vendémoslle a un cliente de Mercagalicia que ten un cadea de froiterías na provincia de Lugo e da Coruña e despois tamén outro cliente do mercado central, que ten a súa cadea na cidade. Son os que absorben á nosa produción. Despois hai algún momento puntual de leituga no inverno e de tomate en tempada, que na primeira quincena de agosto satúrase, xa temos que ir ou a Ourense ou a Mercamadrid, pero aí xa hai un custos de transporte que non é o máis interesante.

-¿É a comercialización o máis importante?

-Moita xente vén a preguntar porque quere comezar, e sempre lle dicimos o mesmo: antes de comprar a semente, tenta a ver a quen se lle pode vender, para poder facer unha previsión adecuada, iso é importante.

«Antes de comprar a semente, tenta ver a quen se lle pode vender, iso é importante»