Trescentas personas na Marcha pola memoria de As Encrobas

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Unha mostra de fotografías antigas acompañou onte a andaina e os actos en lembranza do que nesta parroquia sucedeu

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unhas trescentas persoas sumáronse onte á segunda edición da Marcha pola Memoria das Encrobas, en Cerceda. Xuntos, a pé e revestidos de emotivas intervencións, percorreron os lugares e puntos estratéxicos que explican unha loita que aínda latexa nos recordos dos veciños. Lembraron as loitas labregas do 1977 contra a ocupación das terras para converter o val nunha mina de carbón a ceo aberto, deseñada para abastecer a Meirama.

Os camiñantes, que non envexaron en volume aos da edición pasada, non só rememoraron a loita histórica a través da palabra, senón tamén da fotografía, pois en diferentes puntos da andaina expuxéronse instantáneas antigas que ben ilustraban o devir dos acontecementos. Dise que unha imaxe vale máis ca mil palabras, aínda que un dos relatos pronunciados ao longo da xornada, por parte dunha moza, ben parecía evidenciar o contrario. «Foi un momento bastante emotivo», explicaban onte dende a organización, «aínda que tamén o foi a lectura que fixo Enma Pedreira». Cabe sinalar que a autora coruñesa soubo, en directo nas Encrobas, que foi recoñecida co Premio da Crítica Española 2017 pola súa obra Biliópatas e fobólogos.

Á marcha acudiu tamén unha boa representación da plataforma Mina Touro-O Pino Non, que se sumaron aos actos de lembranza. Actuaron as pandereteiras das Encrobas, interviñeron representantes da Irmandade Moncho Valcarce e mesmo se representou unha pequena peza teatral. Para rematar, preto dun cento de persoas sumáronse ao xantar final no restaurante O Panadeiro.