«Debido á miña altura, non ía ben posicionado na moto»

O cabanés Iker Castro foi o gañador da liga Dagan Cup e subcampión galego de motocrós en promesas e MX85


Carballo / La Voz

Iker Castro (Neaño, 2006) é unha desas persoas que ao pouco de nacer xa tiña claro que de maior quería ser piloto de motocrós, e non parou ata conseguilo. Con apenas 2 anos, lembra a nai, Bea Blanco, que non era capaz de durmir só. E como sempre pedía que lle mercara un casco, fíxolle unha proposta: que durmira 15 días na súa cama e teríao. E así foi. Tamén o avó, Daniel Blanco, recorda: «Iamos de paseo e se vía unha moto había que sentalo nela, senón choraba». Pero o máis asombroso e que non ten a quen semellarse: «Son o único pai dos rapaces que compiten que non tiña afección polo mundo do motor ata que o meu fillo fixo que me enganchara», explica o pai de Iker, Marcos Castro.

É por todos estes motivos polo que os dous éxitos que acadou o mozo cabanés de 12 anos na pasada tempada son, aínda, máis meritorios. Foi gañador da liga Dagan Cup en promesa e subcampión galego en MX 85. Pero por se isto xa fose pouco, ambas categorías son superiores ás que por idade lle corresponden, alevín e MX 65. ¿O motivo? El mesmo o explica: «A partir do 2017, debido á miña altura non ía ben posicionado na moto, polo que meus pais deron permiso para que competira na seguinte máis alta, contra rapaces de 14 anos. Pero síntome moi ben».

Os bos resultados que Iker está logrando son froito do seu esforzo. Con só 7 anos iniciouse na competición grazas a unha KTM 65 de segunda man que lle regalou o seu padriño pola comuñón. «Grazas a el está neste mundo. De ser por nós, empezaríamos máis tarde», di seu pai entre risas. E dende ese momento, todo foi cuestión de ir subindo postos no podio: sexto, quinto, cuarto, terceiro... ata chegar ó máis alto.

Agora, con menos de dous meses por diante para que comece unha nova tempada do campionato galego, xa se está preparando: «É un deporte que supón moita loita e adestrar durante todo o ano para manterse en forma», explica Marcos. E Iker lévao a racha táboa. Todas as fins de semana, sábados e domingos, desprázase coa súa familia ao completo aos circuítos de Cerceda, Ourense, Vilagarcía e Santiago, entre outros, para «machucar a fondo» as leccións do seu adestrador ferrolán, conta o seu pai.

O certo é que esta familia cabanesa apoia ao cen por cento a Iker, pese a ser unha afección «moi cara», afirma seu pai. Non obstante, contan coa axuda de ata 7 patrocinadores. «Gustaríanos que fose para arriba», di súa avoa Mari Paz Parga. Ao que engade súa nai: «Eu confío nel. Véxoo moi ben e de momento nunca caeu».

Polo de agora xa cumpriu un dos seus soños: coñecer ó seu ídolo, Jorge Prado, e adestrar un día con el. A súa irmá Noemí segue o seu camiño. Con tan só 5 anos acompáñao a todas as carreiras e xa pide unha moto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Debido á miña altura, non ía ben posicionado na moto»