Cumpríronse 14 anos do Partido do Prestige en Riazor

Xosé Mª Rei Lema

CERCEDA

josé manuel casal

Os xogadores da Costa estuveron moi ben na cita ante o Deportivo

19 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado venres cumpríronse 14 anos da celebración dun dos encontros máis recordados de entre os partidos solidarios que na Costa tanto abundan. Foi o que disputaron no Estadio de Riazor o Deportivo e unha Selección da Costa, para recadar fondos para os afectados polo embarrancamento do petroleiro Prestige, que ocorrera apenas un mes antes. Entre a Asociación de Clubs da Costa e o Deportivo axiña acordaron a disputa do encontro.

Escolleuse a Manolín e a Manín como seleccionadores, coa axuda do xornalista J.M. Ferreiro para conformar a convocatoria. Nela estiveron os baieses Diego (Bergantiños) e Guillermo (Vilalbés), o cabanés Mino (Bergantiños), o caionés Repi (Arteixo), o camariñán Cabrejo (Elxe), o ceense Mingos (Cee), o corcubionés Yago (Corcubión), os coristanqueses Pugui (Arteixo) e Rubén (Barcelona B), o cormelán Felipe (Corme), o dumbriés Suso (Dumbría), os fisterráns César (Negreira), Noé (Cerceda) e Pesca (Vilalbés), os laxenses Ambrosio (Bergantiños) e Anxo (Burgos), o malpicán Manuel (Ponferradina), o muradán Pesco (Villarreal), o muxián Breo (Muxía), o xalleiro Doro (At. Mineiro) e o zasense Josito (Bergantiños); foi baixa de última hora o vimiancés Miguel (Castellón). Actuou como delegado o baiés Julio Díaz.

Presentou Riazor media entrada, uns 17.300 espectadores. Estas foron as aliñacións: no Deportivo saíron de inicio: Dani Mallo, M. Pablo, César, Naybet, Romero, Víctor, Duscher, Valerón, Fran, Tristán e Luque; e no segundo tempo: Juanmi (Yáñez m.66), Héctor, Amo, Djorovic, Capdevila, Scaloni, Donato, Sergio, Amavisca, Iván Pérez e Changui. Pola Selección da Costa xogaron: Rubén (Mingos m.67), Repi (Ambrosio m.46), César, Diego (Josito min.67), Manuel, Noé (Yago m.67), Breo (Pugui m.30; Felipe m.67), Anxo (Suso m.60), Cabrejo (Pesca m.60), Doro (Pesco m.46), Guillermo (Mino m.46). Rematou o encontro co marcador favorable ao Deportivo por 4 a 0, con goles de Luque, Changui, César (pp) e Iván Pérez.

Á parte da recadación obtida coas entradas e a fila cero, Diego Tristán fíxolle entrega do premio obtido polo Pichichi ao patrón maior de Muxía (21.000 euros e un coche). Ao partido faltou a TVG, quizais non interesada nas posibles protestas, mais agora, 14 anos despois, outra cadea televisiva, BeinSports, procurou información sobre o partido no noso libro dos 50 anos de historia do fútbol da Costa (1964-2014) para a realización dun documental, pois a el dedicámoslle un apartado especial. E é que aquel 17 de decembro de 2002 disputárase moito máis que un partido: fora outra demostración de que o fútbol da Costa é o máis solidario de Galicia.