Todos quietos, que desenfundo o teléfono!

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CERCEDA

MATALOBOS

13 dic 2015 . Actualizado a las 23:54 h.

A algúns que coñecemos o mundo antes da hiperconectividade, pódenos parecer que foi onte, pero xa hai vinte anos que chegaron ao mercado os primeiros teléfonos móbiles dixitais. Aínda que comparados cos smartphones actuais poidan semellar artefactos prehistóricos, aqueles dispositivos sorprendían por ter calculadora, axenda de contactos e caixa de voz. No outono de 1995, todos os números comezaban por 909 e un servizo hoxe tan común era case un luxo.

Antes de todo aquilo xa existía a telefonía móbil analóxica. O primeiro servizo que ofreceu Telefónica, restrinxido só ás áreas urbanas de Madrid e Barcelona, remóntase a 1976. Nos oitenta comezouse a espallar o uso por outras cidades. En Galicia o servizo tardaría un pouco máis. Abonde dicir que foi en 1988 cando a Xunta adquiriu o primeiro aparato para uso do daquela presidente. Nunha reportaxe publicada hai dous anos neste mesmo diario, Fernando González Laxe, lembraba aquel artefacto: un Motorola DynaTAC 8000X, que saíra cinco anos antes ao mercado estadounidense a un prezo de 4.000 dólares. Pesaba preto dun quilo, apenas tiña unha hora de batería e a cobertura era un tanto precaria. Ás poucas semanas estaba instalado nos coches de todos os conselleiros.

Non creo que pasase moito máis dun ano ata que un teléfono como aqueles chegou a Cerceda. Había dous factores decisivos para que un concello perdido do interior coruñés fose dos primeiros en se sumar á revolución tecnolóxica. O presidente autonómico tiña segunda residencia en terras cercedenses e o municipio vivía un boom económico. A transformación explícaa moi ben a profesora María García Añón nun artigo que se publicou en 1993 na Revista Galega de Economía. Se en 1981 o Concello era o «máis pobre» da zona en canto a orzamentos (45 millóns de pesetas), ao remate desa mesma década convertérase nun dos máis privilexiados do país (máis de 300 millóns para gasto público). A razón fundamental eran os acordos económicos entre a institución local e a todopoderosa Unión Fenosa, propietaria dunha térmica radicada no municipio.

Chegou unha especie de milagre do pan e dos peixes. Eran os tempos do famoso Mercedes 190 da policía local (barallárase a compra dun helicóptero) e o Concello tamén instalou un Motorola DynaTAC 8000X no coche do entón alcalde. Ata o últimos dos veciños soubo da feliz nova: a bucina do coche encargábase de pregoar a entrada das chamadas.

Dicía ao principio que a telefonía móbil dixital comezouse a espallar rapidamente na segunda metade da década dos 90. O meu primeiro móbil aínda chegaría algúns anos despois. Creo que xa corría o 2001 cando mo regalaron. Ao contrario do que me pasou coa internet, fun dos últimos mohicanos da miña xeración. Non lle acababa de atopar un sitio na miña vida. Mais os móbiles chegaron para quedar. Fómolos incorporando a todos os ámbitos e hoxe parecen unha extremidade máis do noso corpo.

Utilizamos o móbil para o traballo, para o lecer, para informarnos e para case todo o que é imaxinable, incluso como arma para denunciar algo que nos afecta. Contáronme un caso ben ilustrativo disto último. Hai xa algúns anos un señor da comarca pasou boa parte da mañá chamando para pedir cita médica. Nada, non había maneira de comunicarse. Canso e aínda máis cabreado plantouse no centro de saúde. Na recepción atopou dous administrativos falando de xeito distendido. Coma nun western, botou a man á funda que lle penduraba do cinto. Sacou de móbil e un papel no que traía escrito un número. A centraliña comezou a bruar. Ninguén se deu por aludido.

-Ai, logho, bueno! Era o que me parecía! Pilleivos, carallo!