O traballo de andar aos votos

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CERCEDA

MATALOBOS

08 may 2015 . Actualizado a las 13:41 h.

-Iso de andar aos votos casa a casa será na túa terra. Aquí na zona da Coruña non se fai tal cousa. Deixan a propaganda na caixa de correos e listo. ¿Como se vai meter ninguén no teu domicilio?

Aquela parella amiga, de Cambre e de Culleredo, respectivamente, discutíanme que fose común iso de entrar ata a cociña en busca do voto. Eu teimei en manterme firme nas miñas posicións.

-A ver, isto que vos digo pasa en Cerceda, no resto da comarca de Ordes, en Bergantiños, na Costa da Morte e practicamente en todas as bisbarras do país e parte do estranxeiro.

-Si, home, si... ¿No estranxeiro?

-¿E logo en Estados Unidos non andan demócratas e republicanos disputando o sufraxio casa por casa?

É certo que esta práctica se dá moito máis nas zonas rurais que nas urbanas, sobre todo por unha simple cuestión de loxística. Aínda que hai formacións que teñen máis perfeccionada a técnica, o de andar sachando votos non entende de siglas. Non hai máis que acudir ás hemerotecas para ver como os líderes políticos exhortan á militancia a pelexar polo apoio do elector. Rescato unha crónica de 2004. Relata un mitin do finado Manuel Fraga en Carballo. Nun Pazo da Cultura ateigado de simpatizantes, arenga aos presentes a buscar os votos «debaixo das pedras». Despois de tan explícita mensaxe, o de Vilalba lanza outra que é elemental para calquera organización que aspire a gañar: «Xuntos imos a máis e separados imos ao carallo». Algo debía osmar o vello porque poucos días despois o seu partido escornábase nos comicios estatais. O de recadar votos non é cousa de broma. Mentres que algúns lles pechan as portas ás comitivas electorais, hainos que se enfurruñan con este ou aqueloutro candidato por que non lle pediu o voto persoalmente. Velaquí algo que lle escoitei a unha señora de mediana idade:

-A nós fixéronnos un desprezo moi grande. Foron a outras casas da aldea e á nosa non viñeron. ¿E logo o noso non vale coma o dos outros ou que? (sic)

A campaña ten algo en común cos reis magos. O mesmo elemento que nin te saúda o resto do ano, éntrache pola porta cun sorriso de orella a orella, como se fose botar unha partida de tute e contar un chiste. Saca de chisqueiro, de bolígrafo, reparte caramelos entre os nenos da casa e só ten malas palabras para falar dos rivais. E promete, sobre todo promete. Non queda fillo sen recomendar, eira sen asfaltar e subvención sen pedir. Tamén é certo que o político corre algún perigo ao se meter na casa dalgúns electores.

Hai candidatos que pasan os quince días de campaña na mona por facer caso a iso de «tómalle outra que aínda tes tempo». Falando de andar aos votos, acordeime dun dos casos máis singulares da política galega do século XX: o de Antonio Concheiro Iglesias. Patriarca dunha coñecida saga médica, foi o home con máis influencia política na demarcación de Ordes durante nada menos que medio século. De ideoloxía marcadamente conservadora, amalloou o bastón de mando na Segunda República durante boa parte da ditadura franquista e incluso tivo folgos para se presentar ás primeiras eleccións locais de 1979, que gañou, folgadamente, encabezando a candidatura da UCD. Naqueles últimos comicios, o vello Concheiro, que as sabía case todas, non dubidou en ir chamando porta por porta en busca do sufraxio. A lenda conta que andando por unha das parroquias rurais do municipio bateu cunha anciá pouco maior ca el. A conversa é digna de figurar nun manual de supervivencia política.

-Don Antonio, aos seus anos e aínda ten ganas de pasar estes traballos?

-¿Que quere que lle faga? ¡Na casa non hai ninguén que queira coller a alcaldía!