Un intercambio de danza Galicia-Gran Canaria abre días de cultura en Cee

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

Primeira edición do festival de verán de Novo Viana, en imaxe de arquivo
Primeira edición do festival de verán de Novo Viana, en imaxe de arquivo BASILIO BELLO

As entidades Novo Viana e Abenechera participan do encontro de hoxe, ás 20.00 horas no auditorio Baldomero Cores 

29 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata as 23.59 horas de hoxe, sábado, quedaron suspendidos todos os actos institucionais do Concello de Cee debido aos tres días de loito decretados pola morte do policía Manel García Leal. Iso obrigou a aprazar e reprogramar as funcións do ciclo Cultura no Camiño, previstas para o xoves 27 e o venres 28. Xa hai nova data para elas. Así, o Verán Cultural do Concello retomará as súas actividades mañá, domingo 30 de agosto, co espectáculo Mystic Fire, de Especialistas Hípica Celta, ás 22.00 horas na Praza da Constitución. Por outra banda, o luns 31, ás 20.00 horas e no mesmo emprazamento, intervirá a compañía Dende Arriba, cun espectáculo de acrobacia con pórtico e estrutura. Teas aéreas, música e moitísima emoción. Ambas citas son de balde e con acceso libre.

Novo Viana e Abenechera

Con todo, mantívose na programación o II Intercambio Cultural de Danza Galicia-Gran Canaria promovido pola asociación Novo Viana e previsto para hoxe ás 20.00 horas no auditorio Baldomero Cores ceense. Del falou Lorena Sambad en Radio Voz. Son 24, dixo, as persoas chegadas dende o municipio canario de Valleseco e ligadas ao grupo Abenechera: combinan música e baile tradicional canario e permanecen en Cee dende o xoves ata mañá mesmo. «Actuaremos xuntos e será unha oportunidade para ver nun mesmo escenario distintas culturales, pasalo ben», dixo. En Novo Viana, grupo iniciado no 2024, son actualmente 43 bailaríns e uns 90 socios: «Estamos moi contentos».