O pregón de Rocío Leira abriu as festas da Xunqueira deste ano, patronais que continúan hoxe
15 ago 2026 . Actualizado a las 00:07 h.A Xunqueira 2026 comezou o xoves en Cee cunha confesión final da súa pregoeira, a matemática e escritora Rocío Leira. «En Cee é onde se atopa a orixe das miñas coordenadas. A ledicia que sinto aquí cada vez que volvo non cabe en fórmula matemática ningunha. Non hai unidade que poida medir a calor dunha aperta, o sabor dun recordo da infancia ou a ilusión por que comecen as festas». Leira convidou a gozar «do que nos fai únicos como vila», un punto no mundo sobre o que ela viaxou no tempo subida na nostalxia. Logo das de Concha Blanco, Josita Lema, Susana Gómez e Zaira Rodríguez, a súa foi a quinta voz feminina con este cargo nos últimos 25 anos. «Xa tocaba», dixera Margarita Lamela, alcaldesa. Quixo Rocío converter a súa voz «na de todas as mulleres de Cee» e na de aquelas que sostiveron a tradición das festas a base de dedicación, traballo e renuncias. Para dispoñer a mesa, para dar de cear, para madrugar e preparar a comida...
«As festas son unha paréntese no tempo, pero tamén lembranzas, raíces e memoria», afirmou Rocío. Tres recordos da súa primeira infancia —o ter metido un garavanzo no nariz, a fotografía que lle fixeron para que seu pai levase á emigración e a primeira vez que visitou con oito anos a biblioteca de Cee—, servíronlle para falar da evolución da vila en sanidade, en marchas e acollemento ou en educación, cultura e movida. «Bendita a educación pública, que a tantos nenos de aldea coma min nos salvou», dixo Leira. Seus avós, Celia e Ramón, e seu bisavó, Ramiro, pasaron por este pregón. Foron eles «libros abertos» para unha nena que tiña «fame deles». A evolución das festas, ou a importancia do comercio local estiveron asemade no discurso de Leira, para contar o onte «da vila vangardista que hoxe coñecemos». «Sempre que un dea un paseo por Cee terá una probabilidade do 100 % de atopar un sorriso coñecido, e infinitas opcións de ser feliz», sinalou.
Durante a súa intervención, a rexedora, Margarita Lamela, situou a súa escolla desta escritora como voz de inicio das festas en varios contextos, un deles o 30.º aniversario do Batallón Literario. «Este ano quería que a Xunqueira tivese tamén nome de muller (...) Detrás de moitas das cousas que pasan en Cee hai mulleres», incidiu a mandataria, tamén con palabras de agradecemento para a comisión.
MÁIS DO ARRANQUE E DO PROGRAMA
As festas da Xunqueira chegarán este sábado 15 de agosto ao seu día grande, coa procesión das 11.00 e a misa das 12.00 horas. Tamén cos pasarrúas a cargo de O Rumbo, a sesión vermú coa Banda de Cee e Eric Hidalgo Prime, o concerto da banda de novo ás 20.30 horas, o concerto de Malleira ás 22.00 e a verbena con Finisterre Project e Eric Hidalgo. Coroando todo, a medianoite, os fogos artificiais, espectáculo piromusical.