Palabras e música para a entrega do premio do Certame Batallón Literario, este domingo en Cee
CEE
O acto está programado para as 21.00 horas, no auditorio Baldomero Cores. Presentará Yolanda Castaño
08 ago 2026 . Actualizado a las 23:35 h.Este domingo 9 de agosto será día de premio en Cee, e ademais un ben destacado, o da primeira edición do Certame Batallón Literario da Costa da Morte, este 2026 na modalidade de poesía. O acto está programado para as 21.00 horas, no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura, honras para o merecedor deste galardón, Xosé Luís Mosquera Camba.
Terá o encontro como presentadora á escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía por Materia no 2023, con extensísima obra e, ademais, fondo vínculo co Batallón Literario. As intervencións de Margarita Lamela, alcaldesa; Sol Agra Tuñas, deputada provincial de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, e Valentín García, secretario xeral da Lingua, andarán camiño cara a primeira actuación musical da noite, que será a de Fernando Fraga e Martín Castiñeira, dúo de acordeón e clarinete que ofrecerán as pezas A Mon e Amore.
Proxectarase a continuación o vídeo O Batallón 30 anos despois, xusto antes da intervención de Modesto Fraga, como representante do xurado. Será Margarita Lamela, alcaldesa, a que lle faga entrega a Mosquera Camba do seu premio merecido neste certame convocado polo Concello. Ofrecerá o galardoado unhas palabras. Unha nova actuación musical, con Fernando Fraga e Néstor Fidalgo —acordeón e percusión/arpa con Para Kepa e Plácido—, e as palabras da rexedora rematarán a velada.
Pechará así unha semana enteira de poesía en Cee, «inesquecible», valoraba onte o Concello. Dezaoito autores pasaron pola localidade dende o luns, enchendo de palabras e emocións os espazos, conmemorando os 30 anos de Batallón. «Emoción e sentimento» que fixeron da vila, segundo reivindican, «capital galega da poesía».