Falemos + Galego encheu a praza de Cee de música e ledicia xuvenil

A. L. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Un milleiro de alumnos de catorce institutos da Costa da Morte participaron nesta gran festa

21 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cee foi o berce do Batallón Literario da Costa da Morte. Naceu nun bar da localidade o 1 de maio de 1996. Lembrouno onte a alcaldesa, Margarita Lamela, na gran festa do certame Falemos + Galego, que tivo lugar na vila da Xunqueira. Agora, 28 anos despois daquel grupo poético, botou andar unha iniciativa que vén darlle pulo ó que para Soledad Agra, deputada provincial de Lingua, é «un territorio, cunha identidade tan marcada e cunha fala tan peculiar e definida». Foi unha xornada de festa na que participaron un milleiro de alumnos de 14 institutos da bisbarra. Fundamentalmente tiña o propósito de entregar os premios aos alumnos que gañaron os concursos de logo e lema de Falemos + Galego, que foi para o instituto Agra de Raíces e recolleu a alumna Lúa Iglesias, e o de vídeo, que foi para o CPI A Picota, de Mazaricos.

Só un orballo que apenas cesou en toda a mañá na Praza 8 de Marzo atrancou a ledicia que había no público, formado maiormente por alumnos, profesores e alcaldes e edís de varios concellos, así como representantes das consellerías de Cultura e Educación.

Xurxo Souto e María Lado, que integrou o Batallón Literario, fixeron de presentadores. Houbo batucada, por estudantes do Fernando Blanco. Cantou e encantou a moza vimiancesa Aroa Sendón. O grupo Malleira de Cee deixou mostra do seu potencial. E logo Antía Muíño e o dúo Caamaño & Ameixeiras fixeron gala da súa profesionalidade. Rematou Xurxo Souto coa Oda ao futbolín.