
CRÓNICAS DO PASADO | Escribe Darío Areas | Foi inaugurada en agosto do 1887, un ano despois do inicio da actividade docente
10 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Situada na parte posterior do edificio, a capela «destinada al culto divino, en la que el lujo y magnificiencia de los ornamentos sagrados son propios del Ser Supremo á quien adoramos», foi inaugurada o 19 de agosto de 1887, case un ano despois do inicio da actividade docente no Instituto. Ese día, Joaquín Domínguez Caamaño, capelán do centro, impartiu por primeira vez misa, estando presente Antonio Vázquez Queipo, testamenteiro do fundador, así como as autoridades da vila.
Ten a capela un altar de mármore branco presidido pola fermosa figura de san Fernando (Fernando III O Santo), o cal porta nunha man a espada Lobera, conservada hoxe como reliquia na Catedral de Sevilla, e na outra unha bola do mundo (orbe) da que colgan tres chaves que simbolizan a reconquista das cidades de Córdoba, Xaén e Sevilla. Completa o conxunto un sagrario ou tabernáculo en mármore branco con incrustacións e dúas estatuíñas de Xesús e María colocadas a ámbolos lados da figura central, en perfecta simetría.
Tamén en mármore branco foi realizado o sarcófago sobre pedestal no que repousan os restos do fundador dende o 7 de abril de 1889. Enriba do sarcófago atópase a lápida sepulcral que pechaba o nicho do seu primeiro lugar de enterramento en Cuba, e que foi trasladada a Cee o 3 de xaneiro de 1883, ao mesmo tempo que os restos do mecenas, para ser soterrado, de xeito provisional, no altar maior da igrexa de Santa María da Xunqueira.
No 1888 a capela embeleceuse coa pintura da bóveda, obra que realizou Eugenio Villar, da Escola de Artes e Industrias de Santiago, e cunha Gloria que rodeaba a imaxe de san Fernando executada polo pintor madrileño Luís Muriel, especialista en escenografías teatrais e discípulo do paisaxista realista Carlos de Haes.
Nese mesmo ano adquírense os dous confesionarios, o púlpito, varios bancos reclinatorios e o armonio Mustel que maxistralmente tocaba, segundo as crónicas do momento, o primeiro profesor de música do instituto, Jesús García Jiménez.
Ademais das pinturas murais, os responsables da Fundación encargaron un total de 8 lenzos de temática relixiosa para completalo ornato do recinto. Seis deses óleos son obra do sevillano Francisco Díaz Carreño, discípulo do gran Federico de Madrazo, e dous do profesor de debuxo e pintura do instituto naquel entón, Ramón Mosquera Ruíz-Vidal. E na prestixiosa Casa Meneses de Madrid foi adquirida a completa e rica colección de ourivería relixiosa de uso diario.
Loxicamente, co paso do tempo, fixéronse numerosas obras de mellora no recinto, como por exemplo a substitución do zócalo de madeira que guarnecía as paredes, moi danado pola humidade, por un novo de baldosa hidráulica, ou a cubrición de parte do piso con hule inglés, ademais de arranxos de diverso tipo. Hoxe en día lamentamos a perda, nos anos 70 do pasado século, da decoración pictórica mural antes mencionada, e a reconversión da primitiva sancristía en aula (na actualidade de plástica).

É interesante recalcar que no transcurso do curso 1892-1893 o papa León XIII outorgou a concesión para ter reservado no sagrario da capela o santísimo Sacramento do altar, e para poder expoñelo á veneración dos fieis cinco veces ao ano.
E como como curiosidade final, durante o curso 1900-1901, elaborado o proxecto para aumentalas dimensións do templo parroquial da Xunqueira, as autoridades eclesiástica, administrativa e xudicial, en unión de varios veciños de Cee, enviaron unha solicitude aos testamenteiros de Fernando Blanco solicitándolles a cooperación da Fundación en ditas obras, aportando nun primeiro momento a cantidade de 2.500 pesetas, pero «a pesar de los esfuerzos realizados por los feligreses y demás donantes, resultó un déficit de importancia para cubrir el presupuesto de gastos, y en vista de ello, las autoridades viéronse obligadas a recurrir de nuevo al bondadoso corazón de los Patronos, que respondieron al nuevo llamamiento girando otras 2.500 pesetas al párroco D. Jesús Leiceaga». Durante a realización de ditas obras, o culto parroquial estableceuse na capela da Fundación.
Sen dúbida, a capela do instituto Fernando Blanco de Cee é, ou polo menos debería de ser, un lugar moi especial para tódolos ceenses, independentemente do sentir relixioso de cadaquén, pois nela repousan os restos do veciño que nunca esqueceu aos que aquí quedaban, proporcionándolles o mais valioso dos tesouros: a formación educativa e cultural.