A conexión da prestixiosa casa parisina Deyrolle con Cee

Darío Areas Domínguez

CEE

CRÓNICAS DO PASADO | Historia fermosa que podemos rematar cun xogo de palabras: «Un establecemento de cine para un instituto de película»

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A inauguración do instituto Fernando Blanco, o 2 de outubro de 1886, marcou un antes e un despois na historia da vila de Cee. O feito de contar cun centro educativo deste nivel, hai mais dun século, nun pequeno núcleo de poboación do rural galego, era unha verdadeira utopía só ao alcance das grandes urbes daquel entón. Así, o resultado da suma dun impoñente edificio, dun profesorado altamente preparado e provinte de distintos lugares do país, das coleccións artísticas de afamados creadores e da dotación de material didáctico dos mais recoñecidos provedores, conformaba un cóctel perfecto para a formación e progreso da veciñanza.

Este artigo está dedicado á casa subministradora das distintas coleccións que configuraban o Gabinete de Historia Natural do instituto Fernando Blanco, o cal foi creado, ao igual que o Gabinete de Física e Química, con material adquirido na capital francesa durante o curso 1890-1891. Esa maison, a Casa Deyrolle de París, segue a ser hoxe en día un lugar único no mundo. Foi inaugurada no 1831 por Jean-Baptiste Deyrolle, incorporándose o seu fillo Achille moi cedo ao negocio. Os dous, apaixonados da entomoloxía, crearon axiña un florecente comercio baseado na venda de insectos e material de caza para as coleccións de Historia Natural, ao mesmo tempo que desenvolvían a actividade da taxidermia.

No ano 1866 Émile Deyrolle fíxose cargo da tenda fundada polo seu avó, coincidindo cun momento no que a historia natural experimentou unha verdadeira loucura, creándose numerosas sociedades entomolóxicas por toda Europa. Émile non desaproveitou a oportunidade e continuou coa actividade de taxidermista e a venda de equipos para a caza e recolección de insectos, pero dedicando tamén gran parte da súa actividade á publicación de obras especializadas en fauna e flora e á venda de coleccións de minerais, moluscos, bolboretas, herbarios, osteoloxía, etcétera. Esta mestura de xéneros estaba perfectamente organizada e estruturada, e as coleccións eran validadas por todo un equipo de académicos e científicos adscritos ao establecemento.

No ano 1888, Émile Deyrolle instala as súas oficinas e tenda no número 46 da Rue du Bac, onde actualmente sigue localizada, e onde foron mercadas as coleccións que chegaron ao Instituto Fernando Blanco de Cee como pode comprobarse nas etiquetas de identificación dos distintos exemplares conservados. Deyrolle converteuse nunha institución de fama a nivel mundial que, grazas a unha linguaxe universal, dirixiuse a un público especialmente amplo, e por ela desfilaron personalidades de distintos ámbitos que ían a inspirarse, a perfeccionar os seus coñecementos ou, simplemente, a mercar curiosidades. Pintores como Dubuffet, Mathieu ou Dalí, e tamén escritores como André Breton ou Louise de Vilmorin, foron asiduos visitantes da Maison Deyrolle.

ANA GARCÍA

Despois de décadas de éxito, viñeron anos de decadencia, ata que no 2001 foi adquirida por Louis Albert de Broglie, o cal non dubidou en reforzar o enfoque educativo do negocio e así devolverlle a esta tenda-museo a súa principal vocación, logrando, ao mesmo tempo, perpetuar no tempo o espírito deste máxico lugar. Esta casa, case bicentenaria, é a vez unha meca para os ardorosos coleccionistas e unha atracción inesquecible para os neófitos intrigados.

Os espécimes que atesoura, e que fan dela unha inmensa Arca de Noé, aparecen nas portadas de revistas ou en anuncios publicitarios, e incluso unha das escenas de Le Papillon (2002) de Philippe Muyl rodouse no seu gabinete de entomoloxía, e Woody Allen apoderouse do espazo para filmar varias secuencias da súa oscarizada película Midnight in Paris (2011). Unha historia fermosa e curiosa, como tantas das que rodean a centenaria vida da Fundación Fernando Blanco de Cee, e que nos permite rematar este artigo cun xogo de palabras: Deyrolle. Un establecemento de cine para un instituto de película.