María Canosa, medio cento e unha obra literaria máis

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana García

O ABALADOIRO | En cuestión de só uns días chegaron ás librerías tres novas publicacións da escritora ceense, que marca un fito ao superar o texto individual número 50 

09 mar 2023 . Actualizado a las 21:27 h.

Hai menos dunha semana que nestas páxinas se daba conta dunha nova obra da escritora ceense María Canosa: Travesía unicornio (Embora). Especial, a número 49. Pois ben, días despois, xa non só son 50, senón 51. A veces, como a propia autora reflexionou vía redes, as publicacións chegan así, todo por xunto. O libro que sobe a medio cento o número de textos da autora é Lobo Ramón: a vida é unha festa. Especial tamén, porque son estas unhas novas aventuras do Lobo Ramón inicial, do que vai xa pola terceira edición en galego e pola primeira en castelán. Tripla sorpresa nestas datas.

Lobo Ramón naceu a partir de contos inventados para as súas nenas, convertidas en libro por Oqueleo. Gustaron tanto que hai, pois, segunda volta. E con ese título, A vida é unha festa, máis que acaído para a efeméride das 50 publicacións individuais. «A literatura acompañoume, protexeume, foi casa moitas veces. Non podo dicir máis ca grazas», confesou María Canosa.

E que hai da obra número 51? Pois leva por título A fotografía 51, publica Baía Edicións e trátase dunha novela que toca a ciencia, o machismo, a loita, o esforzo. Chega á rúa no entorno dunha data tan simbólica coma o 8 de marzo, Día da Muller. Moito por reclamar, pedir e lograr. «Curiosamente, a novela tamén leva ese número no título. Coincidencia? Pode ser. Mais tamén pode que todo estivese enfiado desde antes, que xa todo estivese escrito», contoulles a ceense aos lectores. Achégase a primavera, agroman as letras.