
Alumnos da Escola de Música e o narrador Fran Campos amenizarán a velada prevista na vila da Xunqueira: 12.00 horas, Casa da Cultura, aberta a todo o que queira acudir
16 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • 12.00 horas • Casa da Cultura de Cee • Acto aberto ao público • As novas fornadas de talento literario da Costa da Morte teñen mañá unha cita en Cee. Será na Casa da Cultura desta localidade, ás doce do mediodía, cando se leve a cabo o acto de entrega de premios da 19.ª edición do certame Contos de Nadal promovido por La Voz e Radio Voz. Dez pequenos, encabezados por Mariña Vázquez Espasandín, alumna do colexio Labarta Pose de Baio, recibirán alí os seus galardóns. Amenizarán a velada alumnos e exalumnos da Escola Municipal de Música de Cee e tamén Fran Campos, de Bandullo Azul, coa súa función «Filipa cos contos». Todo isto é de asistencia libre, e de balde.
Comezando pola música, abrirán boca no auditorio os gaiteiros Manuel Alejandro Pérez Traba, Jano (47 anos) e Mario Caamaño, así como Jesús Muíño á percusión (tamboril). Conta o fisterrán Pérez Traba que os tres, xunto a varias persoas máis, integran o grupo Nin Chica nin Patacón: «Coñecémonos nunha foliada e a raíz de aí empezamos a tocar xuntos, ata que nos animamos a montar o grupo». Empezaron sendo seis (dúas gaitas, tambor, bombo, acordeón e saxofón) e agora, ri, «mesmo non sabemos cantos somos». Teñen parados os ensaios ata despois de Reis, pero a de mañá será unha oportunidade de amosar talento. Mario, de Lira. Jesús, de Cee. «Eu xa tocara a gaita de pequeno moitos anos, retomeino haberá sete ou oito, a raíz tamén de xuntarme con esta xente», conta. A priori, semella que a cuberto ten menos dificultade que eses pasarrúas que tamén adoitan facer: «Máis que nada, por afinación, polos cambios de temperatura, para iso as gaitas son bastante puñeteiras. Con frío é máis complicado (...) Tocar ben non é doado, interveñen moitos factores. Gaiteiros hai moitos, pero cun gaiteiro afinado cambia a cousa».

Son historias de referentes, como a que tamén conta o corcubionés Pablo Canosa (13 anos, imaxe que encabeza esta información), igualmente alumno da Escola de Música de Cee. El porá as últimas notas do acto, neste caso ao acordeón, primeiro cun tango, «Adiós Nonino», de Piazzola, e logo con «The Waltz of the Monters», de Yann Tiersen (coñecerana pola película Amelie). Canosa actuou xa na entrega de premios Contos de Nadal 2021, da que fai un bo balance. Lembra como as actuacións ao acordeón de Álex Castro, nas audicións da Escola, foron para el claves á hora de decidirse por este instrumento: «Gústame pensar que, cando toco, tamén podo ser inspiración para outra persoa [máxime habendo rapaces diante], pero máis ca iso o que gozo é o feito en si de tocar», sopesa. Alumno de segundo da ESO, leva uns 7 cursos formándose neste instrumento, estudos que salvo épocas puntuais de esixencia, compaxina sen dificultade. Valora a primeira das pezas que interpretará mañá como «bastante harmónica» e a de Tiersen como máis melódica, mesmo «frenética».
Un xeito de rematar co ánimo elevado, ao que tamén contribuirá Fran Campos, de Cuntis, coa súa «Filipa», espectáculo que vén traballando dende o 2017.

Fará unha pequena intervención inicial e outra máis extensa ao final: «Filipa cos Contos é unha sesión que, a maiores, ten monicreques, esa Filipa que conta historias e coa que eu e o público interactuamos. Tamén leva música en directo, vou coa guitarra... Hai moita participación, é o que máis me gusta», contaba onte Campos. Contos populares, outros contemporáneos e outros invitados: de todo iso haberá. Plantexa «darlle unha volta» ás historias, pero sen ánimo de «vender panfletos»: «Os contos non é só o que contan, senón como o contas. Eu conto historias e logo cada un pode interpretar, pensar, reflexionar...». Xa é bo coñecedor da Costa da Morte, pero en Cee, cre lembrar, será a súa primeira vez.