Inicio dun novo curso na Escola de Música de Cee

FERNANDO FRAGA TRIBUNA ABERTA

CEE

ANA GARCIA

Con todas as forzas para seguir mellorando na ensinanza musical que se imparte día a día...

05 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta primeira semana de outubro iníciase a actividade académica do novo curso 2022-23 na Escola de Música Municipal de Cee. Cúmprense 26 anos desde que se iniciara a ensinanza musical en Cee, alá polo ano 1996, empregando as instalacións do colexio Eugenio López e cun só profesor para atender aos alumnos que se interesaron por aprender a ler partituras e tocar algún dos instrumentos que entón se ensinaban. Curso a curso foron aumentando o número de profesores e alumnos e contouse con instalacións propias: primeiro no edificio situado na praza da alameda e despois no actual edificio da Casa de Cultura de Cee, con todo o cuarto andar dispoñible para dar as clases instrumentais e teóricas. Foron moitos os alumnos que pasaron por esta escola durante estes 26 anos e que puideron aprender e desfrutar tocando un instrumento. A maioría deles dedícanse hoxe a outros oficios, aínda que tamén outros continuaron estudios profesionais na música, pero seguro que esa afección pola música sempre os acompañará. No presente curso, a Escola de Música de Cee conta con 10 profesores titulados superiores da materia que ensinan e impártense 13 especialidades instrumentais, materias teórico-prácticas desde os 5 anos de idade e conta cunha banda de música desde o ano 1998 que serve para acoller a tódolos alumnos que se van formando na propia escola. Esta banda ten actividade musical durante todo o ano: pasacalles, procesións, concertos, gravacións. Toda unha experiencia musical para os instrumentistas que a integran que lles permite tocar non só pola Costa da Morte, senón por toda Galicia. Tamén fomentamos nos alumnos formados na Escola de Música de Cee que amplíen e proxecten a súa formación musical, superando as probas de acceso dos conservatorios profesionais e superiores da contorna, como son os de Carballo, A Coruña ou Santiago; presentándose a concursos dalgunha especialidade instrumental, como é o caso de dous alumnos que gañaron por dous anos consecutivos o certame de acordeón de Ponferrada; asistindo a cursos de perfeccionamento instrumental... Con todas as forzas para seguir mellorando na ensinanza musical que se imparte día a día, comezamos este novo curso escolar na Escola de Música Municipal de Cee. Claustro de profesores da Escola de Música Municipal de Cee.