Susana Seivane: «Levaremos a Cee un espectáculo rockeiro, cañeiro»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

miguel souto

ENTREVISTA | Gaiteira de sobra recoñecida, ofrecerá o venres un concerto en Cee, a onde volve logo de 20 anos

01 sep 2022 . Actualizado a las 00:51 h.

«Estou encantada de ir a esa terra, terra de moitos gaiteiros e de moitos amigos», di Susana Seivane (1976) sobre a Costa da Morte. Dentro da programación do Xacobeo ofrecerá este venres un concerto en Cee (22.00, Praza do Concello, gratuíto) e, se o tempo deixa, que aínda está por ver, outro o sábado na Punta da Barca de Muxía, parte do ciclo Concertos na fin do mundo.

—Que trae para Cee?

—Un espectáculo que recompila os temas máis representativos dos discos editados ata o de agora, dende o 99. É unha viaxe por todos eses traballos. Cara ao final, unha sorpresiña, pero haberá que vir... [pistas: algo relacionado coa pandemia, algo de desprazamento dende o escenario...].

—É quen de elixir un tema?

—Todos son fillos, pero si, teño un moi claro, porque é un temazo e porque está dedicado aos meus nenos [como o disco Fa, para Fiz e Antón, no que incorpora un libriño con reflexións e descubertas da maternidade: unha, que a conciliación «non existe se non tes pais ou sogros ao carón»]. Sabendo miradas, que é o como se chama o tema, está dividido en tres partes: unha alusiva ás últimas semanas de embarazo, outra sobre o momento expulsivo, a dor, a rabia, a forza, e unha terceira de calma, romanticismo e tranquilidade... esas primeiras miradas.

—Pasou recentemente pola Laracha, antes por Zas... E por Cee?

—Son moitos anos, 24, dende que me dedico profesionalmente á música, pero creo recordar que pasei por Cee aló polo 99 ou 2000 e pouco [2002]. Lembro un concerto con moito vento, no que dixen que nin o deus Eolo quixera perderse a actuación. Dende aquela estiven polos arredores, pero non en Cee, así que ía sendo hora de volver. Penso que co tempo zafaremos...

—Falabamos no verán do 2021 da volta aos escenarios logo do covid. Cal é a súa sensación?

—Penso que volvemos lentamente, e que incluso traballamos máis o ano pasado, con todas as restricións. Para os músicos e para este sector, un dos máis castigados pola pandemia, está sendo como un rexurdimento. Estamos volvendo aos festivais de sempre, Ortigueira, Mijas (Málaga), volvemos abrazarnos e bicarnos, pero está sendo un ano raro. Aínda así, non nos podemos queixar. Traballamos, pero nada que ver con antes do covid. Penso que custará recuperar.

—Este repaso a temas da súa carreira ten que ver cun camiño novo, cun punto de inflexión?

—É algo que fago por gusto. Cando sacas un disco novo sempre hai temas dos anteriores que che gusta seguir facendo, aínda que incorpores novidades, e de aí este espectáculo.

—Virá axiña ese novo disco?

—O último foi Dende o meu balcón, cos temas que tocamos durante 55 días consecutivos precisamente dende aí, o balcón, no confinamento. Ese foi o sexto, e este inverno pasado gravamos o sétimo, que se chamará así, 7, por varios motivos. O primeiro, xustamente ese, ser o sétimo; o segundo, porque o meu fillo Antón vén de facer sete; e o terceiro, porque é o meu número preferido dende pequena. Cando tiña cinco ou seis anos regaláronme unha radio vermella, analóxica, claro, e cando poñía o dial no 7 sempre soaba música que a min me gustaba. Tiña clarísimo que este disco se chamaría así. Sairá para outono...

—Seivane é gaiteira, tamén voz...

—Considérome ante todo gaiteira, aínda que cantar me guste e sexa agradecido nos concertos incorporar algún tema con voz. Tamén me gusta implicar ao público, facer unha grandísima festa xuntos. Pasámolo de marabilla, porque a miña banda máis eu somos unha familia e iso nótase no escenario. A Cee levamos un espectáculo con forza, divertido, cañeiro. Nos últimos anos incorporamos instrumentos que lle dan unha volta ao que eu viña facendo: un baixo eléctrico, unha guitarra eléctrica... Hai pinceladas de músicas que me gustan: de rock, e este espectáculo é moi rockeiro, de jazz ou de funky. Algo dinámico.

—Moi Seivane, podería dicirse.

—Iso! De vella volvinme rockeira!