Víctor Castiñeira: «Tiña ilusión, pero pensei que agardarían á miña xubilación»

CEE

ANA GARCIA

Historiador e técnico de Cultura en Cee, será esta noite o pregoeiro das Festas da Xunqueira, no seu municipio natal

13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

ctor Castiñeira (Xallas-Cee, 1972) será este ano o pregoeiro das festas da Xunqueira de Cee. É historiador e técnico de Cultura.

— Foi unha sorpresa?

—Non pensei que fora tan cedo. Tiña ilusión, pero pensei que agardarían á miña xubilación. É certo que non me convidaron porque traballo no Concello senón como historiador, porque son o que fixo os informes para Roma pola Xunqueira. Á marxe do párroco, que é a nivel espiritual, creo que son o que máis sabe da Xunqueira. De feito en xullo demos a coñecer un vídeo de media hora que gravou Fernando Fraga e onde falo de todo o que hai na igrexa. O do pregón vai ser un día moi especial, estou moi agradecido, é un regalo que me fai a vida dado que é un ano xubilar.

— E vén de publicar un libro sobre Domingo Antonio de Andrade.

—En Cee coñéceseme como técnico de Cultura, pero si é certo que desde a publicación do libro e polo Ano da Xunqueira estou a recibir moito cariño da xente. Na presentación do libro houbo moito público. Si empezo a sentirme valorado no meu pobo por dar a coñecer a nosa historia.

— É un luxo ter un técnico de Cultura que coñece tan ben a historia do seu pobo.

—Son case 22 anos neste posto, ao que a formación humanista aporta outra visión. É algo que noutros sitios non teñen. Moitas veces veñen compañías a felicitarme por presentar os actos, porque eu fago todo, desde recibir aos artistas ata controlar. Son o primeiro que chego e o último que marcho.

— Cre que fai sentir á xente o orgullo de ser de Cee?

—A xente de Cee está a descubrir moitas cousas. Coñéceme dende hai anos, pero como técnico. Co vídeo da Xunqueira, que fixe, de xeito altruísta, ou coas visitas guiadas, están aprendendo moitas cousas. O vídeo fixémolo porque o libro estábase retrasando. Agora saben máis. Moita xente cría que Cee era novo, sen historia, pero é de hai seis séculos. Nun dos informes para Roma demostramos que o palio do Santísimo en realidade foi doado por Domingo Antonio de Andrade, pensabamos que os franceses queimaran todo, pero non foi así.

— Vai falar diso no pregón?

—Eu estiven presente nos últimos 21 pregóns e o meu vai ser distinto. Non vai ir na liña de como vivía eu as festas ou como as lembro. Podería falar diso, pero o que vou narrar é a historia de Cee, a proceso desde que apareceu para o Ano da Xunqueira. Vai haber algunha sorpresa que non vou desvelar ata ese día. Eu creo que vai ser emocionante para o público e para que se prepare para as festas que veñen.

«O que pretendemos é que todo o mundo teña algo polo que vir»

Víctor Castiñeira fai este ano combinación completa, posto que non so é responsable da programación e da organización, senón tamén do pregón.

— Que é o máis importante á hora das celebracións?

—As festas de cada un son as máis importantes, pero as nosas non teñen que ver con outras da zona, que son máis de romaxe, as nosas son máis de cidade. Hai un sector da poboación que lle parece que se non vén o Combo non é festa, pero nós non estamos de acordo. Estas orquestras podes velas en calquera parte.

—Daquela o que queren é diferenciarse.

—O que pretendemos é que todo o mundo teña algo polo que vir. Empeza Pili Pampín para a xente maior, pero despois hai disco móbil. E as actuacións que traemos non se poden ver noutros lugares.