Rocío Leira: «Hai que facerse preguntas, saír do caos establecido é máis necesario ca nunca»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CEE

A escritora ceense vén de gañar un prestixioso galardón de Xerais, o Jules Verne de Literatura Xuvenil, cunha novela que mestura filosofía con suspense e intriga 

03 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Xerais son os maiores premios da narrativa en galego, e un deles, este 2022, o Jules Verne de Literatura Xuvenil, chegou para Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979). Quedara dúas veces finalista con Trececatorcedezais, mais a vencida foi con Cicuta para dous, unha novela que mestura filosofía e intriga. «Son moi consciente do difícil que é gañar», di aludindo ao prestixio e relevancia do galardón. Son numerosos os premios que xa ten, mais emocionouse: «É unha satisfacción enorme, porque un Xerais é un soño literario. Aínda sendo realidade, non o acabas de crer...». Rocío é desas persoas que procuran mirar todas as caras, así que de par desa «ledicia inmensa» sitúa a «inseguridade» de non saber se isto lle terá chegado antes de tempo: «Falamos dun premio cunha dotación importante, 10.000 euros, querería que a obra funcionase, porque a aposta a editorial é forte». Irase sabendo a partir de novembro, mes previsto para a publicación.

«Quixen buscar algo rompedor, e aínda que son consciente de que case todo está escrito, é certo que hai temáticas menos exploradas. A filosofía para adolescentes non é moi habitual, e eu fixeime o reto de facela asequible para a rapazada. Vese como algo denso, así que mestureina cunha novela de intriga, de modo que, á vez que se divirtan, ou iso espero, coñezan unha serie de nocións e curiosidades sobre a filosofía», explica. O xurado do premio percibiuna como unha «novela redonda», de forte argumento, orixinal, cun excelso manexo da lingua e ademais con personaxes carismáticos. Cicuta para dous está ambientada en Santiago. Ocorre que case toda a trama se dá entre as catro paredes dunha oficina, a do filósofo Erundino, vello anacoreta, solitario e rosmón, que case non sae dela. A outra das patas é a súa secretaria, Irma. Cicuta para dous empeza forte: «Búscase persoa curiosa para resolver un crime que aínda non se cometeu». Erundino, precisa Leira, pasa a vida buscando respostas e só atopa preguntas. Isto é filosofía.

Espírito crítico, reflexión

Matemática vocacional —Rocío ten un centro de formación para universitarios en Compostela—, aprecia que case todo se pretende medir en resultados inmediatos, «pero as disciplinas humanísticas traen outro tipo de alimento». Ela achegouse á filosofía «tarde», á altura de COU, e daquela non se entusiasmou con ela, pero si máis adiante: «Apaixooume, e se algún rapaz consegue achegarse así a ela a través da novela, xa me daría por satisfeita, sobre todo tendo en conta que as políticas educativas denostan cada vez máis as humanidades, e sobre todo a propia filosofía». Facer asequibles saberes que se consideran arduos a través do suspense é algo que xa lle funcionou moi ben con Trescatorcedezaseis, unha novela na que as matemáticas son esenciais, mais non entendidas de xeito mecánico, senón reflexionado.

«No meu caso, eu xa son excesiva co afán de pensamento e espírito crítico. Gústame analizar todo, e xa non só falo do ámbito matemático. Fake news, improvisacións, argumentacións malísimas por parte dos gobernantes.. Hai que facerse preguntas, saír do caos establecido é máis necesario ca nunca. Hai quen di que ter claro algo significa que non se pensou o suficiente...». Entón, nada hai certo? Na opinión de Rocío, simplemente nin todo é branco nin todo é negro. Quedoulle claro vendo grupos de debate, capaces de argumentar con validez unha postura e a contraria. Dubidar, «pararse a escoitar a outra parte é moi necesario». Por iso Leira deu saída a esta nova proposta literaria: «Hai rapaces que chegan á Universidade sen contacto algún con contido filosófico», apunta.

Fáltalle tempo para escribir todo o que quixera, e recoñécese «caótica». É unha autora de «sprints finais», precisa ver o fin de prazo do certame cerca para poñerse ao papel. Así foi con Cicuta para dous, cuestión de dúas ou tres semanas, tendo en conta que todo o traballo de documentación previo, «o traballo forte», xa o tiña, iso si, feito. «Son moito de ir pensando», confesa cando se lle pregunta se hai novos proxectos entre mans, logo destes últimos anos tan prolíficos: Afogada, Veleno en familia...

Non remata de crer o do Xerais: «É unha responsabilidade moi grande, gustaríame estar á altura». «Nin sequera soñei algunha vez con gañalo, pero eu penso que un premio, nin dous nin tres, non representa todo. Para min o importante é a carreira pasiño a pasiño, crear traxectoria persoal. A miña realización non depende do exterior, é interna. Os premios poden dicirche que algo estás facendo ben, pero nada é a culminación nin todo está feito. Chegar pode ser doado, o difícil é manterse». Nai de dous pequenos, unha nena de 9 anos e un neno de 3, polo de pronto o verán de Rocío é aquí, na Costa da Morte: «Temos un paraíso».