O Álbum de Galicia incorpora un apunte biográfico do ceense Baldomero Cores

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

FOTO LOLAS

O autor do texto, no que se repasa a biografía deste polifacético persoeiro, é José Ramón Rey Senra, técnico da biblioteca Municipal ceense

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende onte, o Álbum de Galicia, unha colección dixital con biografías de persoas galegas que destacaron en diferentes ámbitos, conta cunha pequena aportación sobre o ceense Baldomero Cores, destacado avogado, sociólogo, xornalista, profesor e politólogo.

José Ramón Rey Senra, técnico da biblioteca municipal ceense, é o autor do texto, no que resume a biografía deste polifacético persoeiro. Baldomero Cores (1929-2014) estudou na Universidade de Santiago de Compostela e foi o primeiro delegado de La Voz de Galicia nesa cidade. Deixou numerosa produción xornalística e defendeu, entre moitos outros temas, a necesidade de instalar no seu Cee natal un Instituto Laboral na Fundación Fernando Blanco. Tamén reivindicou a revitalización do Camiño a Fisterra e Muxía e tivo unha gran relación coa galeguidade na diáspora, chegando a ser vicecónsul e Secretario Xeral do Comité de Cultura Galega en Costa Rica, país no que viviu durante 15 anos.

Cando retornou, foi nomeado letrado no Parlamento de Galicia e mantivo, mesmo trala súa xubilación, un ritmo frenético de actividade científica, intelectual e de creación literaria ata o seu pasamento (2014, Compostela).