Montse García
Unha actriz e, fronte a ela, un público que fala todo o tempo. Esa reprodución dunha sala teatral será a que se atopen sobre o escenario os espectadores da nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), Ás oito da tarde, cando morren as nais, que se estrea este xoves no Salón Teatro de Santiago. Nela abórdase cunha mirada irónica a relación entre o teatro e a súa recepción. «O obxectivo é cuestionarnos a nós mesmos como público e limar e esvaecer esas diferenzas entre o público e o artista, algo tan propio do século XXI», dixo Marta Pazos, responsable da dirección e dramaturxia desta peza que pon en escena o texto de AveLina Pérez galardoado no 2018 co premio Álvaro Cunqueiro.