CRÓNICAS DO PASADO | Estudar en xeral, e estudar música en particular hai máis dun século nunha pequena vila do rural galego era un soño inalcanzable para practicamente todos. Non entanto, Cee foi unha marabillosa excepción
19 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A música ten un protagonismo especial na historia da Fundación Fernando Blanco e, por conseguinte, na historia de Cee. Estudar en xeral, e estudar música en particular hai máis dun século nunha pequena vila do rural galego era un soño inalcanzable para practicamente todos. Non entanto, a nosa vila foi unha marabillosa excepción no medio dese desolador panorama.
As ensinanzas musicais comezaron no ano 1888, dous anos despois da inauguración do lnstituto Fernando Blanco, e á compra de numerosos instrumentos seguiu a promoción de veladas musicais nas que o alumnado avantaxado interpretaba diversas pezas. Este foi o primeiro paso para a creación, no ano 1892, dun orfeón de 25 voces, e dunha rondalla de 16 alumnas, formacións que colaboraron en todo tipo de actividades culturais e benéficas.
Posteriormente, na década dos anos 20 do pasado século, creouse a primeira banda de música de Cee, formada maioritariamente por alumnos e exalumnos desas clases de música que se impartían no instituto. Así é que hai que deterse no Orfeón Ceense, creado e dirixido polo profesor de música Jesús García Giménez. Comezou os seus ensaios o 1 de abril de 1892, sendo de admirar «que en tan corto período de tiempo llegase a una altura tan considerable, cosa que solo se explica teniendo presente la gran paciencia y laboriosidad de su director, y la afición y constancia de los 25 individuos que lo componen», contaba unha crónica daqueles tempos.
O seu debut oficial produciuse no anual acto de entrega de premios aos mellores expedientes académicos do curso de 1891-1892, acontecido o 24 de xullo de 1892. O Orfeón por un lado, e o profesor de música, un alumno e unha alumna polo outro, foron os encargados da parte musical do evento. Ese día, os convidados e o numeroso público asistente ateigou o local mais espazoso do instituto, que non era outro que a Escola de Nenos, tendo que permanecer moitos deles nos corredores, no patio interior, e incluso no xardín que rodea ao edificio.
«Un breve toque de campanilla impuso silencio a los impacientes niños que esperaban ansiosos el momento de recoger sus premios», pódese ler sobre aquel acontecemento. Tralo toque de atención deu comezo o solemne acto coa actuación do Orfeón Ceense interpretando La Aurora Serenata, de José Reventós. Logo da distribución dos premios ao alumnado das clases de Debuxo e Pintura, a alumna María Mayán Canosa e o seu profesor de música executaron ao piano e a catro mans, a Sinfonía de Juana de Arco de Giuseppe Verdi, «recibiendo los justos aplausos de la concurrencia».
Unha vez rematou a entrega dos galardóns da clase de Música, de novo o Orfeón Ceense subiu ao escenario para interpretar a peza Que ten o mozo?, musicada por Prudencio Piñeiro Latierro e inspirada nun poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, e que se escoitou con «verdadero deleite», segundo as testemuñas daquela xornada. Finalizada a concesión dos premios da Escola das Nenas, novamente alumna María Mayán Canosa ao piano, acompañada do alumno Manuel Llamazares Caballero ao harmonio, e do profesor Jesús García Giménez ao violín, interpretaron a Ave María de Charles Gaunod, «y las sublimes notas salieron de aquellos instrumentos manejados por manos habilísimas, y harmoniosamente confundidas llegaron a producir una grata impresión en el aparato auditivo de los que con religioso recogimiento escuchaban la inspirada composición», tal fora a admiración que causaran.
Os últimos recoñecementos académicos foron para o alumnado das dúas seccións da Escola de Nenos, pechando a cerimonia o Orfeón coa Alborada, de Pascual Veiga e a polka Fa la do, de Laurent de Rillé, «con un gusto y afinación que a todos sorprendió». A vida do Orfeón foi moi curta posto que foi disolto no ano 1895 «por emigrar para las Américas la mayor parte de los individuos que lo componían», explican os texto daquel tempo.
A centenaria tradición musical, ao igual que a centenaria tradición teatral, ambas nacidas ao abrigo dos muros de pedra do instituto Fernando Blanco, seguen sendo hoxe actividades vivas e arraigadas na nosa vila, e son, sen dúbida, dous dos sinais de identidade dos que nos sentimos orgullosos os que aquí nacemos.