
CRÓNICAS DO PASADO | Escribe Darío Areas, técnico do Museo Fernnado Blanco
19 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns días, un amigo comentoume que na rede social Twitter unha persoa estaba a buscar información sobre un pintor do cal os únicos datos cos que contaba é que fora profesor no Instituto da Fundación Fernando Blanco e que morrera en Cee a finais do século XIX. Non foi outro que José María Domenech Bañón. Nacido en Murcia en 1826, deu comezo aos estudos de segunda ensinanza no instituto da súa cidade natal, continuándoos despois no instituto de San Isidoro de Madrid, onde ampliou os seus coñecementos en Lingua Francesa e nas materias de Adorno, Música, Equitación e Esgrima. Cursou estudos de Belas Artes na Real Academia de San Fernando, onde foi discípulo de Carlos Luís de Ribera y Fieve e de José Piquer y Duart. Perfeccionou a súa aprendizaxe na Escola Imperial de París baixo a tutela do prestixioso pintor François Pierre Barry, e onde tivo por profesores particulares, entre outros, aos afamados Thomas Couture ou Eugène Lagier.
No ano 1850, por encargo do conde de Jula, marchou a México para pintar catorce grandes cadros, e alí foi nomeado profesor da Academia de Belas Artes. No ano 1854 viaxa a Nova York, a onde chega arroupado con cartas de recomendación de Pierre Soulié, embaixador de EE. UU. en España, e do coronel Conde de Sala, os cales interceden para que Domenech Bañón levara a cabo diversos retratos.
Nos Estados Unidos, Domenech puido experimentar de primeira man o excesivo mercantilismo ao que estaba sometido o comercio da arte. Baixo o título Bellas Artes en América apórtanos unha valiosa perspectiva sobre as primixenias impresións dun pintor español relativas ao comportamento do mercado da arte americana durante este período: «En los EEUU todo se halla bajo el dominio del negocio; en ellos no impera otra cosa que el frenesí del dólar».
Establécese logo brevemente en Cuba, e regresa a España no 1856. Polos seus méritos foi nomeado profesor de Francés e de Debuxo do colexio La Inmaculada Padres Escolapios de Xetafe, onde permaneceu trinta anos, ata que no 1886 vén a Cee para impartir as mesmas materias e formar parte do primeiro cadro de profesores do recentemente inaugurado instituto Fernando Blanco xunto con José García Rúa, Manuel Fernández Llamazares, Manuel Porrúa Rodríguez, Joaquín Rodríguez Muñoz e Luís Villaverde Lorenzo.

Segundo se recolle nas Memorias do Instituto era habitual que Domenech Bañón pronunciara un discurso nas distintas cerimonias de entrega de premios aos mellores expedientes académicos. Así, no acto do curso 1889-1890, dedicou a súa charla á beleza, e no seguinte, no de 1890-1891, alentaba aos mozos e mozas para que seguisen polo camiño comezado, presentándolles o exemplo de persoas eminentes nas artes que, dende a pobreza do seu berce, chegaron a conquistar o mundo sen outras armas que a súa vocación e o seu traballo.
As súas horas libres consagrábaas á pintura e a traballos sobre belas artes, literatura e ciencias físicas, algúns dos cales publicáronse en varios xornais. Faleceu en Cee o 6 de decembro de 1892. Contaba con 66 anos, «pero bien podía decirse que había vivido el doble, atendiendo a su vida de artista, activa y agitada, cuyos episodios tantas veces nos ha referido haciendo gala de su fecundo ingenio». O día do seu pasamento «fue tristísimo para todos nosotros, pues con él perdimos un buen amigo y un laborioso e inteligente compañero».
Os testamenteiros de Fernando Blanco lamentaron moito a perda de «tan distinguido profesor», e dispuxeron que ademais de celebrarse na capela do instituto as funcións do enterro e honras fúnebres, fose soterrado no panteón que a Fundación ten no cemiterio vello de Cee. Trala súa morte foron nomeados, o 15 de decembro de 1892, Manuel Porrúa Rodríguez para impartir as clases de Francés, e Ramón Mosquera Ruíz-Vidal, para as clases de Debuxo e Pintura.