CRÓNICAS DO PASADO | Vacinacións e venda de fármacos protexeron á vila das sucesivas epidemias
26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A finais do século XIX a situación das vilas e aldeas do rural galego era desoladora, e tamén o era, desgraciadamente, dende o punto de vista hixiénico e sanitario. Así describía no 1912 —vinte e seis anos despois da inauguración do instituto Fernando Blanco— José Sánchez Caamaño, médico e profesor, algunhas das lamentables costumes coas que debeu combater o labor educador da Fundación: «Aquí no existían letrinas, los niños se ensuciaban en las calles, por las ventanas se vertía a la vía pública aguas mayores y menores, dándose el caso de que algún transeúnte era rociado por las noches con un chaparrón de líquido maloliente. El aislamiento era un mito, pues individuos enfermos dormían con los sanos en la misma cama; otros vestían ropas de sus familiares que habían fallecido de enfermedades contagiosas; tísicos que vivían en una sola habitación con su familia, arrojando durante el día y la noche torrentes de microbios mezclados con los esputos que esparcían por el suelo y las paredes; mujeres que después de cargar un carro de estiércol se iban tranquilamente, sin limpieza alguna, a ordeñar vacas cuya leche había de ser expendida al público en el día siguiente... Se cometían, en fin, otras muchas infracciones de la higiene, las cuales me callo, porque siendo vecino de esta localidad no quiero llevar más allá el atraso en que se vivía».
Este desolador panorama foi o que se atoparon os responsables da Fundación ao iniciar as súas actividades en Cee. A erradicación destes hábitos perniciosos foi, sen dúbida, un dos principais obxectivos do labor educativo da entidade.
Inauguración da farmacia
A farmacia do instituto Fernando Blanco instalouse no curso de 1887-1888 e estaba situada no espazo que hoxe ocupa a portería do centro educativo. «La habitación destinada a botiquín ha sido adornada con una hermosa estantería, cajonería y con un elegante botamen, hallándose además en ella un precioso arsenal de medicina provisto de los instrumentos más necesarios para las operaciones quirúrgicas».
Epidemia de varíola
No mesmo curso no que empezou a funcionar, e mentres Antonio Vázquez Queipo, testamenteiro da Fernando Blanco, se atopaba en Cee con motivo da visita que todos os anos facía ao instituto co fin de inspeccionar o seu funcionamento, unha epidemia de varíola estaba a producir estragos na vila, sendo a causante de 53 mortes.
Sabedor como era de que unha das causas que mais contribuían á propagación da epidemia era a escaseza de fármacos, mandou que trouxesen as vacinas que fosen precisas, ordenando a José Sánchez que procedese a vacinar, non só aos nenos e nenas das escolas, senón a cantas persoas de calquera clase e condición quixesen recibila.
Poucos anos despois foron as febres tifoides as que provocaron o pánico entre a poboación, ocasionando ata tres mortes diarias. Novamente os responsables da Fundación Fernando Blanco puxeron a disposición dos médicos locais os medios necesarios para sufocar a epidemia.
Proseguindo na mellora do recinto farmacéutico, a botica declárase oficina pública e aberta o 25 de xaneiro de 1890, podendo acceder á mesma toda a poboación, posto que a vila carecía deste servizo, e deixando de estar así reservada para os empregados da Fundación e os seus familiares. O custo dos produtos era gratuíto para os traballadores da Fundación e para todo aquel que, mediante o selo de Alcaldía e da Parroquia de Cee, acreditase ser pobre de solemnidade, mentres que o resto da poboación pagaba polas medicinas módicos prezos.
A Fundación conseguira así un dos seus principais propósitos, que non foi outro que converter a Cee nunha especie de illa sanitaria grazas ás vacinacións masivas e á educación hixiénica, a salvo das epidemias que continuaban asolando Galicia.
Falta de recursos
Co estalido do conflito bélico entre España e Cuba, os testamenteiros de Fernando Blanco viron reducidos drasticamente os recursos cos que contaban para o mantemento das escolas e do instituto, e así, no mes de abril de 1896, deciden suspender a segunda ensinanza e pechar a farmacia. Co paso dos anos retomaríanse os estudos de segunda ensinanza, pero a farmacia, que tanto proveito lle dera á vila de Cee, non volvería abrir as súas portas.
Hoxe en día podemos apreciar parte da riqueza desa antiga botica no Museo Fernando Blanco, onde se atopan expostos algúns dos botes e frascos nos que se gardaban as substancias coas que os farmacéuticos elaboraban as medicinas tan necesarias para tratar de curar as doenzas da veciñanza naqueles duros tempos.