«É unha honra ser un dos poucos mariñeiros que deron o pregón»

Nicolás Pose, P. B. CARBALLO / LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

ENTREVISTA | Xosé Iglesias Lamela, home de mar, buscou transmitir as tradicións mareiras de Cee. O seu foI o pregón do Cee mariñeiro 

14 ago 2021 . Actualizado a las 18:15 h.

A morriña, para Xosé Iglesias, é o amor dos mariñeiros que cae pola popa cando saen navegar. De morriña, de verbas salgadas e de recordos estaba cargado o pregón co que deu inicio onte ás festas da Xunqueira de Cee, na súa vila natal. O seu foi o pregón do Cee mariñeiro, como dixo a alcaldesa, Margarita Lamela. Iglesias di ser mariñeiro dende os paseos co seu bisavó polo antigo peirao, no que aprendía «da enciclopedia salvaxe, da que dispoñía, ao igual que outros moitos avós, desas que non estaban escritas sobre ningún papel, senón sobre o seu propio corpo», como relatou o poeta. «O que máis me interesaba contar eran esas tradicións que se manteñen en Cee e que xa son raras de ver, coma as embarcacións de madeira», comenta. Rememora antigas tradicións familiares, unha das bases do discurso, pois a súa familia e o ambiente no que medrou están marcados a fogo na súa vida e na súa obra: «Eu recordo rascar o «verdín» do casco do barco de meu avó cun melgacho, un tiburón de pel moi áspera parecido ás quenllas». Rematou o pregón citando un conto mareiro de Castelao, sobre dous mariñeiros, un que fala inglés, outro que fala francés, e que rematan por entenderse falando en galego. Este relato, conta Xosé Iglesias, viviuno el en pel propia en Irlanda, cando atopou a un mariñeiro de Muxía traballando nun pesqueiro irlandés, logo de comunicarse, ao principio, en inglés.

-Que se sente ao ser pregoeiro no seu pobo natal?

-É todo un orgullo, non mo esperaba. É unha honra ser dos poucos mariñeiros que deron o pregón. Cando Margarita me chamou, quedei impactado. O que máis me custou foi resumir tódalas miñas vivencias nestes folios.

-É máis mariñeiro ou artista?

-Son mariñeiro de toda a vida e de corazón. Como non me gusta o fútbol, invisto o meu pouco tempo libre nestas cousas. Recuperei os meus traballos con maquetas de barcos a control remoto, volvín pintar e, agora, estou bastante ocupado coas presentacións do meu novo libro, Nación-Mar, do que pronto vai saír a versión en castelán e, igual, chegan estas historias de barcos da Costa da Morte a Sudamérica.

-Nesta obra está moi presente a comparación dos barcos con baleas. Onde nace ese imaxinario?

-En Cee houbo uns estaleiros que chegaron a ser dos máis importantes da zona. Eu vía, cando pasaba faenar de rapaz, os barcos varados, o que me daba unha perspectiva completamente diferente. Recordábanme a eses xigantes mariños e aínda os vexo parecidos.

-Canto leva na pesca de baixura?

-Levo, con este barco [Primero Villar] 19 anos e estou moi contento. Gústame máis volver cada día a terra, desexaba retornar ás miñas orixes. O único malo é o horario e as administracións.

-Como é o Gran Sol?

-Moi fastidiado. Gañas moitos cartos, pero é demasiado duro, non paga a pena, prefiro a baixura. Eu ía de patrón en barcos conxeladores, entón as mareas eran incluso máis longas, chegando a durar máis de cen días, eu quedaba amargadísimo.

-Que sentía ao volver das costas irlandesas?

-Cando chegábamos ás 20 millas e podíamos ver os lóstregos de luz da Torre de Hércules, era a sinal de que xa estabas na casa. Eu botaba de menos o cheirume a esterco das fincas de meu pai, que non era mariñeiro, era labrador. Desexaba chegar dende o mar e esquecer a polución da cidade.

Xosé Iglesias, coa alcaldesa, Margarita Lamela
Xosé Iglesias, coa alcaldesa, Margarita Lamela BASILIO BELLO