Así foi o Saúda da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, polo arranque da Xunqueira

Margarita Lamela

CEE

BASILIO BELLO

Nestas "non-festas" patronais, brindou os seus mellores desexos para veciños e visitantes

14 ago 2021 . Actualizado a las 18:16 h.

Boa tarde, Cee

E chegou o día [VENRES], o pregón do Cee mais mariñeiro.

Os mellores desexos para toda a veciñanza de Cee e foráneos nestes días de NON festas patronais. As circunstancias mandan, e non nos deixan “celebrar” (por segundo ano consecutivo).

Xosé Iglesias Lamela será o pregoeiro este ano. É un paisano noso. Un patrón de pesca dos nosos ao mesmo tempo que un artista autodidacta e polifacético (poeta, debuxante, fotógrafo…)

Xosé Iglesias Lamela ten hoxe a difícil tarefa de sucar unha circunstancia rara: pregoar unhas festas que non son tal, aínda que quixera. Pero de seguro que a súa experiencia sucundo as augas do Gran Sol unido a súa humildade superara con creces a mesma, pasando a historia de Cee como o pregón do “Cee mariñeiro”.

Se botamos un ollo a títulos das súas obras (poéticas, pictóricas…) xa chega para saber que é un home curtido polo salitre: “ Transfusión oceánica”, “ A relixión do mar”, “ Nación Mar”. Toda a súa obra rende homenaxe á xente do mar, aos oficios do mar e á historia da pesca, á riqueza das nosas rías e das nosas lendas.

Este home, sabe que todos botamos en falta aquelas festas para as que Cee se engalanaba. Botamos en falta o barullo das atraccións que acelaraba pulso de pequenos e grandes. A música das orquestras que enchía o aire… Onde queira que estiveras, arrecendía a festa.

Nada me gustaría máis que poder decir por fin e poder celebrar: as festas en si mesmas e o fin da pandemia. Pero non é así. E un ano máis, esta circunstancia volve condicionar a nosa maneira de celebrar.

Por iso fago miñas as palabras do pregoeiro Xosé Iglesias e digo días de “non festas”. Por iso, lonxe do que nos gustaría e sería o noso máis grande desexo, ofrecemos unicamente uns actos culturais que, dalgunha maneira, fagan a “marca” de que son días diferentes: bandas, concertos, desfile de cabezudos….

Quero ser positiva porque temos a oportunidade de congratularnos,

  • por xuntarnos cos nósos, cos de fóra;
  • por ter vencido algunha enfermidade (que hai moitas aínda que o covid sexa o protagonista desde fai tempo);
  • polo éxito acadado por alguén achegado…
  • en fin, por compartir momentos da vida!

Non podo desaproveitar esta oportunidade, teño que insistir (aínda a risco de resultar “cansina”) en que temos que manter as medidas de seguridade e da importancia do uso da máscara. O aforo aos actos é limitado, en recinto pechado, con rexistro de asistentes, sentados e cumprindo todos os protocolos de seguridade.

Se vos fixades no programa cultural para estes días, dista moito de parecerse ós “programas de festas” de anos anteriores, pero, é normal… “vai a xogo” con estes case dous anos tan diferentes. Anos que nos esixen tanto sacrificio a todos.

Que dificultan as cousas á hora de disfrutar do tempo de lecer e de diversións tan sanas como botar un baile, cantar…

Que coartan as nosas ganas de abrazar a amigos e coñecidos que fai tempo que non vemos.

Que nos fan navegar por augas bravas solo dóciles a mariñeiros expertos tan bravos coma elas.

Todos imos fartos de “chocar cóbados” e de facer amagos de saúdo cando o que desexamos é abrazar ata sentir como estalan as costelas da persoa abrazada. Todos reprimimos as ganas de estrullar contra o noso peito a seres queridos coa forza propia dun lobo de mar dos que fala o noso pregoeiro… Pero, non nos queda outra que “amolarnos” á espera de que chegue ese momento libre de risco e de perigo para os que queremos e para o resto. É preciso cumprir as normas polo ben de todos.

Que disfrutedes das “non” festas!