CRÓNICAS DO PASADO | Foi inaugurado 2 de outubro de 1907 por Severo Araújo y Silva, bispo auxiliar de Compostela. Nel, mensaxes tan curiosas como a de Sootaro Hosokawa
05 jun 2021 . Actualizado a las 10:36 h.O instituto Fernando Blanco de Cee espertou, dende sempre, a admiración dos que, por un ou outro motivo, tiveron a oportunidade de coñecelo. Así o reflexa o Libro de Actas de Inspección e Visitas Particulares, inaugurado, o 2 de outubro de 1907, por Severo Araújo y Silva, bispo auxiliar de Compostela.
Dende esa data son numerosos os comentarios que nel se recollen tras visitar o centenario centro de ensino ceense. Autoridades educativas, políticas, eclesiásticas e militares, conferenciantes, exalumnos e visitantes en xeral deixaron impreso, do seu puño e letra, o sentir que experimentaron pola grandiosidade do edificio e do xardín botánico, pola riqueza do material didáctico e artístico, polo completo programa educativo que no instituto e nas escolas da fundación se impartiu dende as súas orixes, polo labor desenvolvido polo profesorado, e polo comportamento e resultados obtidos polo alumnado.
Así, no 1922, Manuel Díaz Rozas, inspector de educación da 4.ª zona, definía ó instituto como «un dos mellor organizados de Europa», e máis recentemente, no 2019, Fernando del Pozo, vicepresidente do Consello Escolar de Galicia, escribía o seguinte: «Admirado pola beleza do edificio e o seu xardín, e polo entusiasmo do actual equipo directivo, lévome a impresión de visitar unha verdadeira institución educativa». Agora ben, se algo destaca na maioría das opinións recollidas é, sen dúbida, a admiración por ser o instituto froito do profundo amor que pola súa vila natal sentiu un fillo de Cee.
«Humanista obra legada aos fillos deste pobo polo insigne filántropo D. Fernando Blanco de Lema»; «É centro de amor como todo centro de instrución, amor que nace dos sentimentos de munificencia do seu creador»; «Ilustre e exemplar figura do fundador que quixo, e soubo consagrar, o fecundo esforzo da súa vida ao logro do ideal de cultura que atopa a súa plena realización neste colexio, por tantos conceptos admirable»; «Fermosa obra de cultura e amor á humanidade que o fundador deste instituto legou aos seus veciños de Cee, librándoos da incultura y facéndoos cidadáns ilustrados».... Estas son algunhas das frases dedicadas a Fernando Blanco de Lema e ao se legado nas distintas follas do libro.
De entre todas as referencias do libro destacamos unha, por exótica. Trátase do comentario que ilustra este artigo, escrito o 6 de xullo de 1922 polo cidadán, supoñemos que xaponés, Sootaro Hosokawa, o cal visitou o instituto acompañando ao daquela inspector de educación da 4.ª zona, Manuel Díaz Rozas. Nada sabemos sobre quen era Sootaro Hosokawa, mais si temos a sorte de poder traducir o seu comentario: «Por verdadeira casualidade atopeime nesta fermosa vila, acompañando ao meu querido amigo Sr. Rozas, e tiven a magnífica ocasión de visitar este Centro. A súa grandiosa construción e organización completa raras veces se pode atopar. Non podo deixar de admirar o espírito xeneroso que o fundou, e desexo con toda a miña alma, que continúe, de día en día, o desenvolvemento cultural iniciado polos seus dignos profesores».
Diversos comentarios de diferentes persoas en épocas distintas, pero todos con un denominador común: a admiración por unha figura, Fernando Blanco de Lema, e por unha entidade, a Fundación que leva o seu nome, como piares básicos que foron no desenvolvemento educativo e cultural da vila de Cee.