Foi na súa nenez en Cee onde recibiu o reclamo dos ceos. Como se dunha conxunción de astros se tratara, a mestura da situación xeográfica da nosa costa, onde os temporais son o pan de cada día (tocoulle vivir aquí a considerada máis profunda borrasca do século XX, acontecida os días 15 e 16 de febreiro de 1941), e a magnífica dotación de material científico dos gabinetes do Instituto Fernando Blanco, fixeron que se interesara polo comportamento do universo. A casa onde residiu, situada na Alameda, era o perfecto observatorio onde ollaba cada día o movemento do sol, aprendendo a diferenciar a tan curta idade os solsticios e os equinoccios, e sinalando diariamente a súa posición con marcas no chan de madeira.
Nesa época, como puiden saber, iniciou a lectura dun pequeno libro de Victoriano Ascarza titulado El cielo. Este feito, e mailo crecente interese por realizar as súas primeiras observacións, fixeron que o seu pai lle construíra uns anteollos cunha lente de 50 mm. e unha básica montura ecuatorial sobre un trípode de cámara fotográfica. Cando se trasladou a estudar a Santiago coñeceu a Ramon María Aller, director do observatorio que hoxe leva o seu nome, e onde foi instruído tecnicamente no estudo das estrelas dobres, campo no que foi un erudito. Este é un exemplo máis da enorme fortuna que tivo a nosa vila de contar cuns centros educativos como os tutelados pola Fundación Fernando Blanco dende finais do século XIX.