«As pombas de Bastián», novidade literaria de María Canosa

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

Baixo a colección Merlín, de Xerais, chega esta historia da pequena Minia e un home en apariencia rodeado de soidade

23 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«As pombas de Bastián» • Xerais • Colección Merlín • 112 páxinas • Boas novas para a literatura na comarca chegan arredor deste 23 de abril, Día do Libro. A escritora ceense María Canosa ten nova obra nun 2021 no que tan benvida é a creatividade. De novo da man de Xerais, baixo a colección Merlín, chega ás librarías As pombas de Bastián: «Desde a fiestra da súa casa, Minia observa todos os días como un home lles dá de comer ás pombas da rúa. As aves semellan ser as súas únicas amigas, mais a rapaza intúe que aquel home agocha unha maxia especial tras a soidade en que semella vivir. Por iso a nena toma unha decisión: achegarse a el. A partir do primeiro encontro prenderá neles a ilusión que vai alumear unha fermosa amizade», narra a sinopse da obra. Noemí López é a ilustradora que lle dá vida gráfica ás letras de María.

Experiencias vitais que marcan, como aquelas nas que afondaba Canosa na súa obra literaria Quero saír! Quero saír!, da man da editorial Embora, e dada a coñecer a comezos deste mesmo ano, hai tan só uns meses. Segue o traballo na escrita da ceense, que nun ano tan marcado pola pandemia como foi o 2020 tamén viu publicarse Unha fábrica de bicos e Lobo Ran.