«Non hai maior orgullo que a confianza que depositaron en min tanto tempo»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. Lado CEE / LA VOZ

CEE

Jorge Parri

A música e a súa familia van ocupar agora o tempo do mestre que non ten pensado unha volta á actividade política

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Isidro Caamaño Trillo (A Ameixenda, 1952) acaba de pór fin a 40 anos de traballo continuo no colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, ao que lle dedicou gran parte da súa vida profesional e ao que vai seguir ligado para o que precisen aínda que agora conta con ter máis tempo para a música, a súa outra gran paixón. O que descarta é volver a participar na política.

-¿Como foi a súa chegada ao Manuela Rial?

-Comecei como profesor o 1 de setembro do 1977. Xa uns meses antes empezara co coro no colexio, co que participamos en varios actos e mesmo acadamos algúns premios. Foi por unha substitución e ao curso seguinte había dúas prazas, presentámonos 21 e quedamos Pepita, que despois foi directora en Dumbría e máis eu. Daba clase en primeiro de EXB e despois xa sempre inglés en sexto, sétimo e octavo. Foron 13 anos de mestre e outros 27 como mestre e director.

-¿Que logros acadou o centro durante este tempo?

-Houbo moitas cousas, pero quizais un dos principais foi a ESO no ano 2.000 porque mesmo houbo que reformar instalacións para adaptalas e foi cando se fixo o pavillón cuberto. Despois ven a LOE a LOMCE e dende o 2010 -daquela fomos os primeiros da comarca- somos centro plurilingüe, agora tamén en infantil. Mesmo antes diso xa fomos pioneiros en idiomas. Damos en inglés un terzo das horas en tres e catro anos e preparamos aos alumnos para a obtención do First de Cambridge. No eido cultural e deportivo poderiamos destacar moitas cousas, como os éxitos co voleibol, o xadrez...

-¿Creouse comunidade na contorna do centro educativo?

-Os antigos estudantes traen agora aos seus fillos, a maioría dos mestres son tamén exalumnos... Como anécdota, eu tiven a un que xa era licenciado en dereito e durante moito tempo viña todos os sábados e os domingos a que lle ensinase inglés. É unha familia, pasan no colexio dende os tres aos 16 anos e créanse uns valores de pertenza. Nos actos do 40 aniversario había más de 700 antigos alumnos.

-Implicaba unha gran responsabilidade todo iso.

-Si e non, porque foron moitas horas de traballo, pero sempre tiven o respecto e o apoio de todos. Por iso lle estou moi agradecido a Marcelo Castro-Rial Canosa, en paz descanse, aos seus fillos, a toda a familia, aos inspectores e alcaldes cos que tratei, á Consellería de Educación, a todo o persoal docente e non docente do colexio e, por suposto, á miña muller -teño unha santa- e aos meus fillos. E que non hai maior orgullo para unha persoa que a confianza que depositaron en min durante todo este tempo. Eu tratei de levar a bo porto o barco que me encomendaron e agora queda en boas mans con Jesús Sánchez, Lorena Maceiras e Gema Fernández ao fronte, que, por suposto, van ter a miña axuda para o que precisen.

-Vostede que coñeceu a tantos, ¿é certo o que tanto se fala de que os nenos son agora máis maleducados ca antes?

-Os nenos son nenos, os de agora e os de antes. O que hai é que darlles responsabilidades e non se pode estar cambiando o modelo educativo cada catro anos. Os partidos deberían sentarse e chegar a un consenso, porque son escandalosos os resultados que obtemos en PISA e penso que teñen que ver con estes cambios constantes. Con todo, estou contento coas reformas que se están facendo en Galicia, paréceme que van funcionando ben e con inversión.

«Un pobo que canta é porque está vivo, pero precisamos mestres profesionais e achegar o canto coral á xuventude»

O exedil de PP, que estivo a piques de ser deputado, ve un futuro de moita música e pouca política.

-¿E agora que?

-¡Ui! Eu son de cu inquedo non son de estar parado moito tempo. O día 10 marchamos para Roma, onde cantamos o 12, día do Pilar, no Vaticano, e xa estamos pensando en que o ano que vén cantar no Pilar en Zaragoza. Por suposto vou seguir co Coral Costa da Morte e incluso non descarto preparar algún instrumento. Pero agora o que máis ilusión e me fai é que cando estaba no colexio Apostol Santiago fundei un coro. Había un rapaz que se chamaba Javier e ao padre Manuel Feijoo gustoulle tanto como cantaba que nos fixo unha misa enteira para nenos. Nunca tiven tempo de preparala e agora imos tentar presentala o 26 de novembro nos actos do colexio e cantala na televisión.

-¿Como está o panorama do canto coral na Costa da Morte?

-Non está nos mellores momentos. Penso que temos que introducir novos temas, formas distintas e outro xeito de velo. Que haxa grupiños en todas partes é bo porque un pobo que canta é que está vivo, pero precisamos mestres profesionais que nos dean un certo nivel e achegar o canto coral á xuventude.

-¿Pensa volver a política?

-Non, segunda partes nunca foron boas. Ademais eu tampouco tiven moita sorte na política [risas]. Estiven dúas veces ás portas de ser deputado, así en plan ir de número 15 e sacar 14. Tampouco era a miña pretensión. Estou orgulloso de facer política local, porque foron 28 anos no Concello: no goberno, na oposición, en todos os lados. Á miña muller, que teño tanto que agradecerlle, nunca lle gustou iso e eu tamén estou moi desencantado coa política. Non concibo como alguén, sexa do partido que sexa, vaia aí a favorecerse, a beneficiarse persoalmente e non a traballar por e para o pobo. Cando tiñamos maioría absoluta ofrecérenme unha dedicación exclusiva e non quixen porque non me parecía que para facer unha programación cultural en Cee houbese que quitarlle ao Concello eses cartos que podían ir a obras ou a outra cousa. Penso que un alcalde ten que cobrar, porque son moitas horas, pero non tres ou catro soldos nun pobo pequeno como os de aquí.