Lurdes Pardo: «Vin moita xente sen ningún ingreso, non sei como poden vivir»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

ENTREVISTA | É a directora de Cáritas interparroquial en Cee, Corcubión e Dumbría. Atenden a 50 familias, 12 no comedor e 38 que reciben alimentos

15 nov 2020 . Actualizado a las 19:29 h.

Lurdes Pardo Fernández (Santiago, 1944), mestra xubilada que leva catro decenios en Dumbría, é a nova directora de Cáritas Interparroquial nunha ampla zona que afecta a sete parroquias de tres concellos distintos: Buxantes (onde reside), en Dumbría; A Ameixenda, Brens, Cee e Toba, en Cee, e Corcubión e Redonda. O consiliario é o párroco de todos eses lugares, Desiré Kouakou Tanoh, e Lurdes é a encargada de coordinar e xestionar un operativo que non para de medrar, recentemente reorganizado. Aínda que o equipo directivo levaba algunha semanas máis traballando, tecnicamente empezaron a operar o 15 de setembro, hai dous meses xustos.

-Canta xente colabora, e onde está a sé?

-Somos trinta voluntarios agora mesmo, e temos dous locais, aínda que a sé física está en Corcubión. Aí é onde se atende, onde se informa... Todo o traballo básico. En Cee temos os alimentos, e alí repártense.

-Que tipo de axuda prestan?

-Fundamentalmente, de dúas maneiras. Temos un comedor social, que non é de presenza física, senón que é para recoller a comida. Atendemos a doce familias. E despois está a entrega de alimentos, con 38 familias, que levan os paquetes dúas veces ao mes. Nalgún caso de necesidade podemos encargarnos nós de levalos.

-Que impresión levou ao asumir este cargo? Viu moita necesidade?

-Vin bastante. Sobre todo, de xente que chegou de fóra, de inmigrantes, especialmente de países de Sudamérica. Vin moita xente sen ningún ingreso, non sei como poden vivir así. Sen traballo. E tamén algúns con rendas mínimas que non lle dan o suficiente. A maioría dos casos son de fóra, pero de aquí tamén hai. E máis dos núcleos urbanos que na zona rural.

-A dinámica social e familiar é outra.

-Si, sempre tes máis fácil que che boten unha man, vives cun familiar, alguén ten unha pensión... Pero tamén hai quen vive só e precisa axuda. Hai moitos tipos de situacións nesta comarca. Nas aldeas, dende logo, hai menos casos dese tipo. Cáritas actúa moito menos aí.

-E notan que a crise derivada do covid xa lle estea afectando á xente da zona?

-Si, claro. Vaise notando nalgúns sectores, algún caso hai. Penso nalgún taxista que perdeu moitas viaxes, por exemplo. O que se percibe máis é o problema en xeral, a falta de traballo. Hai ERTE en varias empresas. A hostalería non pechou, pero si se ven establecementos con pouco movemento.

-Non son bos tempos.

-Nada. Hai moita xente chea de medo. Eu nótoo ata nas igrexas, nas misas, con moi poucos asistentes. Antes íase moito máis. Nin aos funerais! Algúns dos que van quedan fóra, non entran. Creo que moito dese medo é algo irracional, porque a algúns deles velos despois mercando o pan sen máscara. E non é por tema de aforos limitados, que os hai nos recintos de culto. Se por iso fose, cabía moita máis xente. O medo nótase por todas partes, con familias que deixan de facer a súa vida normal por medio aos contaxios.

«Imos facer unha campaña de captación de socios»

Cáritas ten moito traballo por diante, especialmente para conseguir máis colaboradores. «Imos facer axiña unha campaña de captación de socios», explica Lurdes.

-De que xeito se pode colaborar?

-O Banco de Alimentos sempre organizaba a operación quilo. Este ano, polos motivos que todos coñecemos, non se pode, ou polo menos non se pode como era habitual. Imaxino que haberá maneiras alternativas, pero o mellor é que os interesados pregunten. Supoño que haberá alternativas para todos. E despois están os donativos económicos, que agradecemos. Cáritas ten moitos gastos. Xa só de luz, non digamos o resto. A ver como imos aguantando cos poucos fondos que temos. Tamén agradezo moito os donativos que fan varias empresas, e a ver se poden ser máis.

-Como responden os usuarios?

-Moi ben. Amables, agradecidos, contentos polo que reciben, aínda que haxa algún que diga que os paquetes son pequenos. Creo que damos comida sá e abundante.

-Como valora o traballo que impulsa o párroco Desiré?

-Moi positivamente. Colleu o tema de Cáritas dende o principio, pediume que lle axudara e ten o meu apoio. Creo nel e no que fai, é moi traballador. E iso que ao principio, cando chegou, tivo que loitar contra algúns problemas.

Corenta anos en Dumbría, case todos eles en Buxantes

Lurdes Pardo leva 40 anos vivindo e traballando (agora xubilada, xa hai moito) en Dumbría, onde impartiu clase na capital municipal e en San Crimenzo, e reside en Buxantes. «Cando cheguei, non atopaba Dumbría», di en broma (ou no tanto).

-Como lembra aquel momento?

-O primeiro día non me deitei en toda a noite. Estaba alí nunha casa en Dumbría, soa, case no medio do monte... Pero funme afacendo ben. En Dumbría pasei dous anos.

-Que Dumbría coñeceu?

-Outra. Con Pequeño isto deu un cambio de cara total. Foi chegando a luz pública por todo, o cemento para as pistas, aquela loita pola ESO que tanto uniu ao municipio. Mellorou moito todo, pero aínda queda moito por facer, outras loitas.

-Cales?

-As que necesita a zona rural para que a xente veña ou non marche. Mellorar Internet, un plan urbanístico, que se estendan máis as traídas de auga... Que haxa comercio, porque se non hai que ir sempre ás vilas grandes. Que non desaparezan servizos. Hai que facer moito máis.

-A xente foi a menos.

-Antes eramos cinco mil, agora baixamos dos tres mil. O rural queda baleiro, pero moitos mozos marchan para traballar noutros lados. É unha mágoa, isto ten moitas posibilidades, pero sen comercio non se pode.