Máis de vinte citas farán do verán ceense un verán de cultura

La Voz

CEE

BASILIO BELLO

A Mostra de Artes Escénicas Á EsCEEna! é o prato forte, pero haberá moito máis

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este verán en Cee seguirá sendo sinónimo de cultura e, aínda máis, cultura con seguridade», avanzan dende a concellería de Deportes, Cultura, Festexos e Turismo deste municipio. Teatro, música e artes escénicas en xeral integran o programa, cun peso destacado para a sexta edición da Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee, Á esCEEna!. Xa dende finais deste mes, e ata finais de agosto, haberá unha proposta case que cada día.

Tendo en conta a actualidade, a organización chama á responsabilidade, ao uso de máscara e á hixiene. Dado que todas as actividades terán aforo limitado, é aconsellable mercar o bono no caso da mostra teatral e reservar entrada para as demais citas, organizadas con apoio de Cultura no Camiño, Rede Galega de Teatros, Ler Conta Moito e Rede Cultural da Deputación.

Andrade e artes escénicas

A maiores do extenso programa, ata finais de agosto poderán verse na Casa da Cultura as exposicións sobre Domingo Antonio de Andrade: o ceense é este ano o homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes. Ademais, a compañía Talía e o Concello ceense impulsan para agosto e setembro un obradoiro de artes escénicas: proposta de lecer e achegamento de novos usuarios ao mundo teatral. Realizaranse cinco grupos, cun máximo de 12 integrantes, e haberá tanto opción para nenos como para adultos. Os interesados en inscribirse poden achegarse á Casa da Cultura, ata o 31.

A programación, en detalle

Xoves, 30 de xullo

  • Aitor Garuz: «O autoestopista intergaláctico». Ás 12.30, na Praza Otero Lastres. Clown, vestiario e comicidade.

Sábado, 1 de agosto

  • Rocío Leira: «Veleno en familia». A autora ceense presenta esta súa novela para adultos. Ás 20.30 horas, na Praza Otero Lastres.
  • Black: «voces de muller». Ás 21.00, na mesma Praza. Black é un proxecto musical coruñés. Música negra.

Domingo, 2 de agosto

  • Os Piñeiros: «Frik&Paldis». 21.00, Praza Otero Lastres. Os Piñeiros son os xemelgos Iván e Diego.Cita coa boa música.

Luns, 3 de agosto

  • «Soñando inventei», con María Faltri e Jorge Juncal. Ás 12.30, na Praza Otero Lastres. Espectáculo musical que fía a cuestión da diversidade e da igualdade de xénero.

Martes, 4 de agosto

  • «Contos con Roque», con Baob Teatro. Ás 12.30, na Praza Otero Lastres. Compañía especializada en teatro para os máis pequenos.

Mércores, 5 agosto

  • «Nono», con Arturo Cobas. Ás 12.30, na Praza Otero Lastres Viaxe por un mundo de fantasía e malabares cun inocente clow, cheo de humor.

Xoves, 6 de agosto

  • «Po e Xía», con Aldaolado. Ás 12.30, na Praza Otero Lastres. Recital a medio camiño entre os contos e a poesía.

Venres, 7 de agosto

  • «Baila un vestido verde», con Marta Alonso. Ás 12.30, na Praza Otero Lastres. Espectáculo de danza.
  • Festival Diversidarte no Rural. Ás 21.00, na Otero Lastres, con Entrelas (coro) e Ricardo Prado (danza).

Sábado, 8 de agosto

  • «Universal Love», con Susana Martínez. Ás 21.00, na Praza Otero Lastres. Cancións de pop bailable con soul e funk. Pezas do segundo disco.

Domingo, 9 de agosto

  • «Son», con Paloma Suanzes. Ás 21.00, na Otero Latres. Bebe da música antiga, da tradición galega, do folk.

Luns, 10 de agosto

  • Pepe Vaamonde Trío. Ás 21.00, na Praza Otero Lastres. Músicas orixinais pensadas para ser bailadas en foliada.

BASILIO BELLO

Martes, 11 de agosto

  • Caamaño-Ameixeiras. Ás 21.00, na Praza Otero Lastres. Son Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras. O seu é o balfolk. Músicas do mundo.

Mércores, 12 de agosto

  • «Lambetadas», de Talía Teatro. Ás 12.30, no auditorio da Casa da Cultura. Posta en valor da lingua propia.
  • Soul&Roll. Ás 21.00, na Otero Lastres. Dúo ourensán: pop-rock estatal e internacional.

Seis propostas de calidade na sexta Semana de Teatro e das Artes Escénicas «Á esCEEna!», do 17 ao 27 de agosto

Finisterrae, o último ultramarinos, de Producións Teatrais Alakrán (17 de agosto), Concerto singular, de Píscore (19 de agosto), As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste (21 de agosto), O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro (23 de agosto), Despois das ondas, de Butaca Zero (25 de agosto) e Cinema e Música, de Rebumbio Producións (27 de agosto) son as seis propostas que integran este ano a sexta edición da Semana do Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee, o ciclo «Á esCEEna!», que é o piar fundamental dunha variada oferta cultural no municipio durante a segunda quincena de agosto.

Todas as funcións están previstas para as 21.30 horas e as billeteiras estarán abertas dende unha hora antes. Os bonos dispoñibles poden adquirirse na Casa da Cultura, xa sexa por 25 euros para as seis funcións, no caso das entradas xerais, ou de 16 euros para aqueles que teñan dereito a bonificacións, como son pensionistas, estudantes e desempregados que así o acrediten. Lembran dende o Concello que o aforo é limitado e que será obrigatorio o uso de máscara.

Hai, tamén, posibilidade de adquirir entradas individuais para cada un dos espectáculos, todos eles de elevado nivel. Para as funcións dos días 17, 19 e 27 de agosto, a entrada de cada un deles ten un custe de 5 euros (tres se é bonificada). Para as funcións dos días 21, 23 e 25, o prezo é, en cambio, de 7 euros (cinco no caso das bonificacións).