Un monumento co que lembrar a Domingo Antonio de Andrade

José Ramón Rey Senra

CEE

MILLARES

APUNTES HISTÓRICOS | Foi encargado a Andrés Barbazán

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na pescuda de certa información, entre os moitos documentos que conserva o Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán, atopeime con varios artigos que falan sobre a homenaxe que a vila de Cee rendeu a Domingo Antonio de Andrade con motivo do 350 aniversario do seu nacemento. Unha homenaxe que non era a primeira demostración de lembranza ao autor da Torre do reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, pero quizais fose unha das máis salientables.

A principios do ano 1990 constituíuse unha «Comisión Pro-Homenaxe a Domingo Antonio de Andrade» formada por Juan Sánchez García, Angel Luis Alejandro Casais, Olegario Alves González, Francisco Leis Vidal e Arturo Sánchez Domínguez, co obxectivo de lembrar e de poñer en coñecemento da veciñanza a vida e obra deste gran arquitecto; e para acadar este fin, acordan entre outras moitas medidas, erixir unha obra escultórica, ademais de poñerse en contacto co profesor Francisco Mayán, co obxectivo de que o historiador ceense escribise un libro sobre tan sobranceiro artista. Aínda que tal como revela Mayán no prólogo da citada obra, foi Antonino Castro García, cura párroco de Cee, unha das primeiras persoas en animarlle a escribir un libro sobre Andrade, así é como escribe: «Mi buen amigo don Antonino Castro García me escribió, el 16 de octubre de 1976, cuando, después de haber fundado ellos allí la Agrupación Domingo Antonio de Andrade, me decía: Se me ocurre que usted podría, si sus ocupaciones se lo permiten, y con el material que tiene sobre Domingo de Andrade, editar una biografía un poco más completa, incluyendo su ascendencia ceense, que este grupo de muchachos se encargaría de vender -la mayoría son maestros y profesores del Instituto, y, en vacaciones, universitarios-. Se contribuiría así a dar a conocer al ilustre hijo de la villa, para muchos desconocido».

Encargan o monumento ao escultor Andrés Barbazán Ferreiro, nado en A Chancela (Logrosa, Negreira) en 1926 e finado o 18 de xuño de 2017, que entre outras moitas obras, realizou o monumento a Fernando Blanco de Lema (obra inaugurada o 13 de outubro de 1973), o busto do poeta Francisco Añón no concello de Outes ou o monólito dedicado a Gonzalo López Abente á entrada da vila de Muxía.

Escribía nun artigo «In memoriam», o 20 de xuño de 2017 en La Voz de Galicia, polo pasamento de Barbazán, o catedrático de xeografía e historia nicrariense, X. Amancio Liñares Giraut: «Perdemos un escultor clásico, un artista de Logrosa -moi fondamente logrosán-, un home de ben, con todo o humanismo e os valores fraternais que posúen aqueles que aman a arte con paixón e autenticidade. Si. Unha boa persoa, con moita sensibilidade, co amor que verten aqueles seres humanos ben dotados de creatividade, para quen a beleza e a estética precisan ter acougo e presenza nun mundo tan entoleirado».

Doazóns e subvencións para sufragar o custo: un millón

O 19 de maio de 1990, exponse ao público no local de Establecimientos Gundín a maqueta da escultura, mentres que a Comisión abre contas en diversas entidades bancarias para que os particulares poidan depositar os seus donativos, á vez que solicita subvencións de diversos organismos públicos e privados co fin de sufragar o millón de pesetas (6.010,121 euros) que vai custar a escultura. Como nota anecdótica podemos dicir que o Concello de Cee aportou 250.000 pesetas, tal como din os artigos de prensa da época. O material utilizado na realización da obra é pedra de Porriño e do Pindo. Ademais, leva unha placa de bronce, construída en Vilagarcía de Arousa, na que aparece a silueta da Catedral de Santiago de Compostela e unha inscrición que di: «A Domingo Antonio de Andrade. Mestre do barroco galego no século XVII. Naceu en Cee no ano 1639. Finou en Santiago no 1712. O Concello de Cee en lembranza. Cee 11-VIII-1990».

350 aniversario

Unha vez rematada a escultura, a Comisión conxuntamente co Concello de Cee deciden colocala nun xardín situado a carón da casa consistorial, mirando á Igrexa de Santa María da Xunqueira. O acto de inauguración terá lugar durante a semana cultural de agosto, na celebración que con motivo do 350 aniversario do nacemento de Domingo Antonio de Andrade lle rende o pobo de Cee ao destacado artista.

Os actos da homenaxe inícianse o 10 de agosto de 1990, venres, ás 21.00 horas, no salón de actos do Concello, coa inauguración dunha mostra de debuxos de Andrade e a presentación, a cargo do Concelleiro de Cultura, Xosé Cañizo Martínez, do libro Francisco Mayán: Domingo Antonio de Andrade. Hijo ilustre de Cée. A Coruña, 1990.

Ao día seguinte, sábado 11, será cando o anhelo da Comisión se vexa cumprido coa inauguración oficial do monumento, ademais de dar o nome de Domingo Antonio de Andrade a unha das principais rúas da vila. Ao acto, presentado por Juan Sánchez García (membro da comisión), asistiron, entre outras autoridades: o alcalde de Cee, Manuel Castro Castro; o bispo auxiliar de Santiago de Compostela, Ricardo Blázquez; e o delegado provincial da Consellería de Cultura e Xuventude, Inocencio Corrales. E, como non podía ser doutro xeito en Cee, a homenaxe acabaría cun concerto de música na Alameda a cargo da banda municipal de Carballo.

XOAN CARLOS GIL

Extracto do pregón das festas da Xunqueira de 1987 que pronunciou Bernardino Graña

Estamos certos, convencidos e contentos de que Domingo Antonio de Andrade aprendera tal elevación, tal grandeza e sentido poético e frutal grazas a ser fiel ao seu ámbito, á súa orixe ceense.... Erguendo torres como a Berenguela, indubidablemente, Domingo Antonio de Andrade foi un arquitecto-bardo e foi un erguedor da patria galega e da súa patria-ponto de nacemento de Cee. Aprendamos, como Andrade, destes paisaxes de harmonía do vexetal, o pétreo, o lumínico, o acuoso, o aberto ou aéreo, o puro e fiel á Natureza, e non aprendamos das almas escravas de baixos e momentáneos e egoístas intereses, pecuniarios, engolfadas, pervertidas, como diría Pondal en mil cousas molentes e infames.

Unha ofrenda floral, o primeiro acto de lembranza

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicar o Día das Artes Galegas, previsto para o 1 de abril do presente ano, a Domingo Antonio de Andrade, ceense recoñecido como mestre do barroco galego.

Por este motivo o Concello de Cee únese á celebración cunha variada programación de actos, sendo o primeiro evento unha ofrenda floral ante o monumento dedicado a Domingo Antonio de Andrade. Tal cita será no día de mañá, martes 16 de xuño, a partir das 19.00 horas.