A cultura, un ben esencial


Coa estado de alarma e a renuncia de moitas liberdades pola nosa seguridade, os centros culturais pecharon. Durante esta reclusión, a cultura estivo e segue a estar máis viva que nunca, cun amplo abano de actividades online en todas as súas manifestacións artísticas. Pódese dicir, con toda certeza, que nunca foi tan doado atopala.

Mentres as follas do almanaque caen. Vimos pasar o Día da Narración Oral, o Día da Poesía, o Día do Teatro, o Día das Artes Galegas (dedicado este ano a Domingo Antonio de Andrade, mestre do barroco galego nado en Cee en 1639), o Día do Libro Infantil e hoxe vén o Día Internacional do Libro.

Para conmemorar estas celebracións neste período de encerro son moitas as entidades, editoriais, escritores, artistas, músicos, cineastas, dramaturgos e demais creadores os que, a partir de múltiples iniciativas solidarias nas plataformas dixitais, ofrecen gratuitamente o seu traballo co altruísta obxectivo de facilitarnos o acceso ás súas obras. Nunca tanta cultura, a golpe de clic e de balde, tivemos e gozamos como neste período de emerxencia sanitaria. A xenerosidade destas entidades e creadores non pode quedar no esquecemento. Cando todo isto termine, temos a obriga moral de agradecerllo, mercando as súas obras e asistindo aos seus espectáculos; posto que a cultura non pode ser gratis. Moita xente traballa e vive grazas a este sector.

Ante as previsibles dificultades económicas e sociais que se aveciñan, o mundo da cultura non pode, unha vez máis, quedar desprotexido e abandonado. É de vital importancia buscar medidas, públicas e privadas, que contribúan a paliar os efectos negativos que padecerá o sector polo coronavirus. E atreveríame a manifestar que a cultura debería ser considerada un ben de primeira necesidade, como xa é noutros países.

A reactivación do sector dependerá do apoio das Administracións. Sen embargo, temos que ser conscientes que ese apoio debe empezar por nós mesmos. Consumir e mercar cultura, benefícianos a nós e á sociedade. Como ben dixo o escritor e artista chileno Alejandro Jodorowsky: «Cando os países esborrallan e caen, o único que queda deles é a cultura, por iso é tan importante».

O 23 de abril de 1616 morreron dous escritores universais, Miguel de Cervantes e William Shakespeare. En base a esta casualidade, a Unesco declarou en 1995 o 23 de abril Día Internacional do Libro. Así, Biblioteca Francisco Mayán de Cee quere destacar a importancia do libro, que historicamente foi o medio de difusión máis importante do coñecemento, así como o de promover a través del, o acceso á cultura do maior número de persoas posible para esta data, e para o resto de días do ano.

«As persoas libres xamais poderán concibir o que os libros significan para quen vivimos encerradas», di no seu diario Ana Frank (1929-1945), nena falecida nun campo de concentración da Alemaña nazi.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A cultura, un ben esencial