Paco Brea: «Son un sufridor nato, o meu fillo é fan meu»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

Este ceense recibirá o Premio Especial Superación Sara Vieites do sexto Circuíto Correndo pola Costa da Morte

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Brea Beiro, Paco, (nacido en Carnota e afincado en Cee) cumprirá os 68 anos dentro de dous meses. Porén, segue estando coma se tivese trinta e completou por cuarta vez consecutiva as dez probas do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Por todo isto, a organización desta iniciativa vén de outorgarlle o Premio Especial Superación Sara Vieites.

-Que lle parece esta nova?

-Antes de nada, quero darlle as grazas a todos os técnicos deportivos dos Concellos participantes nesta iniciativa por pensar en min. Paréceme estupendo! Éncheme de orgullo, é unha alegría importante. Ao mellor hai outra persoa no circuíto que o mereza máis ca min, pero a diferenza é que quizais eu sufro un pouco máis. Este ano empecei a padecer uns problemas no xeonllo dereito que fan que o teña moi inchado. Teño principios de artrose. Estame restando bastante, a verdade, nas carreiras; xa dende as primeiras, en Carnota e Corcubión.

-Este ano, entón, custoulle un pouco máis acabar cada proba, non?

-Son un sufridor nato. O meu fillo é fan meu [ri]. Volvín a completar as dez carreiras de dez quilómetros, pero, na última, na de Fisterra, por recomendación médica para non complicar máis o problema do xeonllo, tiven que correr a 3K. E sempre cunha xeonlleira e cos compañeiros dándome ánimos! Estes últimos son un pouco esa parte positiva pola que vou a esta iniciativa: para pasalo ben. Eu tamén apoio. Ofrézome sempre a apoiar a aquelas persoas que teñen algún problema que lle dificulta o percorrido das probas, como é Carmen García [de Vimianzo, vive en Cee], compañeira que o pasado ano recibiu este mesmo premio.

-Xa comezou a preparar o discurso para cando chegue o momento?

-Aínda non xa que pódese dicir que aínda me estou decatando agora da nova. Pero algo prepararei porque non estou acostumado e entón, neste caso, a improvisación non é boa. Tirarei polo humor e polo compañeirismo. Sobre isto último, quero destacar o feito de que Teresa Castro [de Noia, afincada en Vimianzo] sexa a nova madriña do circuíto. Quen mellor ca ela? É moi atenta, optimista e médica. Tenas todas! É estupenda!

-Como é a súa rutina, agora que está algo tocado?

-Ata este ano saía correr entre 14 e 18 quilómetros diarios, andar e ao ximnasio. Adestraba segundo fora a ser a seguinte carreira: en terreo chan, en costas... Agora, entre o problema no xeonllo e o tempo que hai, boto tres horas polas tardes no ximnasio e na piscina municipais. Fago un pouco de todo, con sauna e baño turco incluídos. Piscina, bicicleta, cinta, exercicios no chan...

«Quero seguir con esta rutina ata que o corpo aguante»

Paco ten trote para rato.

-Como ve o seu futuro a nivel deportivo a curto e longo prazo?

-Na próxima edición terei que pasarme ás carreiras de tres quilómetros polo problema no xeonllo. Pero teño claro que quero seguir con esta boa rutina de ter unha vida saudable ata que o corpo aguante. Para min o circuíto é unha válvula de escape; é ter un por qué para saír cada día da casa a prepararme. Forma parte da miña última etapa da vida.

-Que lle diría á xente da súa idade que non practica exercicio?

-Diríalles que o fagan polo ben deles, pois libérache a mente, isto é, fai que non penses en problemas de saúde ou familiares, e axúdache a ter unha mellor saúde. Se queres, podes. Tamén animo á xente nova a practicar deporte. Precisamente, o premio que vou recibir leva o nome de Sara Vieites [atleta ceense de once anos que sufriu unha parálise cerebral]. É unha satisfacción e unha honra tremendas que mo vaia entregar ela. Vivimos moi preto, véxoa moi a miúdo. Se Sara pode, quen non vai poder? É un espello para seus pais.

-En que pensa cando corre?

-En chegar e en non causar un problema nin para min nin para a miña familia. Á vez, en superarme e xa na seguinte proba. Sempre, escoitando música.