Celso F. Sanmartín: «O mellor programa informático quedaría obsoleto moito antes ca unha boa conversación»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

Celso é xa un asiduo ás citas culturais da Costa da Morte e este sábado estará en Cee con motivo do Mes da Fundación Fernando Blanco

14 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Continúa o Mes da Fundación Fernando Blanco, en Cee, e farao este sábado co contador de historias Celso Fernández Sanmartín, que actuará ás 20.30 no auditorio da Casa da Cultura.

-Que traerá o sábado a Cee?

-Procurarei levar cousas que non me teñan escoitado en Cee noutras ocasións. Todo serán contos e historias de vida, de tradición oral: cousas que a xente me contou a min previamente en conversación e en confianza.

-Ese é un piar básico no seu traballo: a transmisión oral.

-Si, en todo o meu material. É difícil, hoxe en día, atopar a alguén que che conte un conto dos de antes, e a maioría están xa escolmados en diferentes coleccións para a súa lectura. Aínda convivimos cunha xeración que se criou antes da televisión, contándose estas historias. Se se ten a ocasión de escoitar isto de primeira man hai que aproveitalo.

-Porén, esa xeración previa ás tecnoloxías convive con outra puramente dixital.

-En efecto, pero o programa informático ou o xogo virtual máis moderno queda obsoleto moito antes ca unha boa conversación. Ademais, eu creo que a pesar do antagonismo necesítanse un ao outro: persoas maiores que se adestran no uso das tecnoloxías, por exemplo para falar con familiares que están na emigración; pero tamén hai xente nova á que lle senta ben prescindir de todas estas ferramentas tecnolóxicas e que alguén lles conte algo, ou que simplemente os escoite.

-Con toda esta inmediatez que trouxeron consigo as tecnoloxías, parece que temos que readestrar a capacidade de escoitar, de facer pausas.

-Xa se di, e de forma moi normalizada, que nestes tempos vivimos unha vida estresante polos ritmos que se nos impoñen. Para escoitar no modo que pide ser escoitado un contador precísase dunha pausa, unha pausa que ás veces ten que ser creada. Eu penso que moita xente vive por enriba das súas revolucións: que hai unha porcentaxe da poboación que ten de natural ese ritmo acelerado, pero que a moita outra xente nos fai mal. Entón, o mundo do contar ten que ver con reencontrarse con eses ritmos.

-Como busca as historias que incorpora ás súas contadas?

-Vivo nunha vila pequena, en Lalín, e cunhas rutinas que se basean moito en estar coa xente, unha xente que escoito con moita atención, porque son contadores naturais. Xa desenvolvín un oído clínico e, ademais, ando sempre cun caderniño comigo. Ou, senón, gravo co teléfono móbil, aínda que procuro sempre que non incomode á persoa que está comigo. Para que fale coma se non estivese tomando notas ou gravando. Ademais, se utilizo esa historia sempre digo quen ma contou. Eu non son un creador de historias, nin me interesa, porque a vida xa dá de si tanta riqueza que non é necesario inventarlle nada.