Pregón da Xunqueira de Cee, por Fernando Fraga


Boas noites! Estou moi agradecido á corporación do Concello de Cee por pensar en min para pronunciar unhas verbas e dar por comezadas as festas da Xunqueira 2019, aínda que teño que recoñecer que xamais pensei atoparme nesta situación diante de todos vós. A vida lévanos, ás veces, a momentos e lugares que nunca pensaramos estar ou vivir, pero iso é o que aporta un xiro á nosa rutina diaria.

Eu, que só son un modesto músico, un gaiteiro como se soe dicir, que ensina a nobre arte de xuntar sons e ritmos a aqueles nenos, e non tan nenos, que queren sentir o pracer de interpretar música cun instrumento. Por non saber, aínda non sei que entoación poñer mentres vou falar: pode ser como un «puedo prometer y prometo...», que dicía aquel importante político; «Váyase, Sr. González...», daquel outro; ou a do noso paisano máis coñecido, «Es el vecino el que elige al alcalde y es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde». A verdade é que os humoristas tiñan con el unha fonte inesgotable de inspiración.

Penso que mellor será que fale coa normalidade dunha conversa entre amigos, porque se non isto acabará por ser un desastre. Falando dos humoristas, confesarvos que mudaría todo ao que agora me dedico, por desenvolver unha tarefa para a que a natureza non me dotou, precisamente: saber facer rir os demais, como conseguen os actores ou humoristas que teñen ese don. A risa sempre me pareceu balsámica e curativa. Unha actividade que todos deberiamos practicar a diario. Xa Sigmund Freud atribuíu ás gargalladas o poder de liberar o organismo de enerxía negativa. Algo que hoxe en día está demostrado cientificamente. Disto saben algo os compoñentes da banda de música, que a miúdo son vítimas do meus chistes malos.

Ben, bromas aparte, aínda que isto último ía moi en serio, debo admitir que hai moitos ceenses que viven no noso Concello e polo mundo adiante, que poderían estar hoxe aquí, falándovos. Eminentes médicos, arquitectos, pintores, actores, escritores, informáticos, cociñeiros, mecánicos, albaneis, carpinteiros, etcétera, exercen de embaixadores de Cee e de toda a comarca da Costa da Morte alá por onde van.

Unha vez pasada e superada a fase inicial de incredulidade ante a miña proposta como pregoeiro e chegado este momento, gustaríame contarvos algunhas historias sobre a miña vida en Cee, nas súas festas, e cousas curiosas que me aconteceron por eses mundos que me tocou visitar, pola miña actividade como músico.

Nos case 30 anos que levo dando concertos por moi distintas cidades e pobos, sempre me presentaron como o acordeonista de Lires, de Cee, da Costa da Morte. Así representei á nosa comarca en sitios como Chicago, Berlín, Bos Aires, a Bretaña Francesa ou Sevilla. Lembro o que ocorreu no teatro Campoamor de Oviedo, cando un espectador, antes do comezo dun tema que íamos tocar co grupo de Carlos Núñez, berrou: «Viva Lires». Aínda hoxe non sei quen foi. Tamén recordo a emoción coa que vivían cada tema que tocabamos os emigrantes galegos que residían en EEUU, ou as bágoas de ledicia que puiden ver cando fomos tocar a Bos Aires. Sen dúbida, interpretar a nosa música na quinta provincia galega supón sempre un extra de emotividade que aflora en canto comezan a soar os primeiros acordes dun tema.

Por certo, en Bos Aires atopeime con familiares que emigraran facía moitos anos desde Lires e desde a zona de Castrexe, de onde é miña nai, e aos que non coñecía. Como eles, moitos galegos encheron barcos e barcos coa esperanza de buscar unha vida mellor ao outro lado do Atlántico. 

Está claro que a busca dunha vida mellor é un desexo universal para os humanos, algo que nos leva a ver na actualidade escenas, case a diario, de xente que pon en risco as súas vidas intentado chegar a algún lugar que lles permita levar unha vida digna. E para complicar todo aínda máis, contamos con personaxes como Trump, para quen o respecto a condición humana non ten ningún valor. En fin...

Pero, como foi que decidín dedicarme a música? Porque se aínda a día de hoxe non é habitual que un fillo diga que quere ser músico, non vos quero contar nos anos 80 na nosa contorna. Ningún dos meus compañeiros do instituto de Cee, ao rematar COU, pensara, sequera, nesa opción. Salvo que a meu pai lle gustaba cantar cancións da época facendo moitas veces karaoke mentres íamos no seu 127, ou que un tío meu tocaba o acordeón, non tiña máis antecedentes musicais no fogar. Tampouco daquela había na comarca unha escola de música con moitas especialidades instrumentais como podemos desfrutar hoxe no noso pobo.

Gustábame moito, lembro, aporrear o acordeón do meu tío e de aí pasei a ir a clases co Sr. Alfonso de Pereiriña, quen fora acordeonista da orquestra Palma. El xa estaba maior, e entón seguín estudiando en Cee acordeón e piano co profesor que tivemos nesta zona moitos rapaces da miña xeración, Santiago Garrido, coñecido por todos como Santi. Chegara a Corcubión desde o país vasco, e era tamén o teclista e acordeonista da orquestra Palma. Dábanos clases nos colexios de Eugenio López ou Manuela Rial e tamén na escola das nenas que está detrás de vós, antes de que se convertera no que é hoxe: o museo Fernando Blanco, do que se encarga o meu amigo da infancia, Darío Areas. De Lires, claro.

Con Santi continuei os estudios musicais ata que finalicei o Bacharelato aquí en Cee, e durante ese tempo os alumnos del íamos aos exames que o conservatorio histórico "Amigos del país" de Santiago convocaba para os que estudiabamos fora da cidade compostelá. Pero, sen eu sabelo, o meu futuro íase decidir no fogar dunha familia de Madrid, por medio dun mapa estendido sobre unha mesa, e a escolla, case ao chou, das vacacións dese verán de 1984. Así foi que chegaron todos nunha furgoneta, incluído o can, para acampar no «chiringuito» de Lires, ao lado da praia. Podían ter sido uns turistas máis, pero, como logo vos contarei non ía ser así.

O termo turista en Lires, aplicábase a todo estranxeiro que nos visitaba no verán, aínda que había unha excepción. Non sei moi ben o motivo, supoño que polo efecto chamada, pero durante moitos veráns, familias chegadas de Valladolid viñan pasar as súas vacacións a Lires. Estes visitantes, cos que se establecía un vínculo especial, case familiar, non eran os turistas, eran os de Valladolid. Así, para todos eles. Inundaban as diminutas rúas de Lires cos seus coches con matrículas VA. Era cando aínda os coches tiñan DNI, permitindo saber de onde procedían os seus ocupantes. Pois, como vos ía contando, resulta que a familia chegada de Madrid ía ser crucial para o meu futuro musical e persoal. Soubemos na casa de meus pais, a través dun dos propietarios do chiringuito por aquel entón, que un dos fillos daquela familia tocaba o acordeón e estudiaba no conservatorio.

Alí nos presentamos meu pai máis eu, nunha visita concordada, a mostrar o noso interese por coñecer a esa xente e, en particular, ao músico. Xa daquela eu tiña claro que quería dedicarme a música, pero neses anos a información non estaba a un clic de ordenador como agora, así que todo o que nos puidese contar de primeira man era impagable. Despois de longas conversas, explicándome como estaban organizados os estudos musicais no conservatorio, os profesores que alí podía atopar, etc, estableceuse unha amizade con toda a familia ata o punto de que me propuxeron ir a pasar o seguinte verán con eles para preparar os exames dos primeiros cursos de acordeón. E non era para ir a calquera pensión ou residencia, senón ir para a súa casa, converténdome así, desde entón, case no seu quinto fillo. Estiven indo só durante os veráns, mentres non remataba o COU en Cee.

Chegado ese momento, marchei a vivir todo o ano á capital para completar os estudios musicais que comezara, co esforzo que isto supoñía para a meus pais, pero tendo a gran sorte de contar coa protección e o acollemento da miña nova familia madrileña áque tanto lle debo. Hoxe en día, que os nosos fillos teñan que marchar a estudiar a calquera cidade Europea xa non resulta estraño. É o que ten a globalización. Basta con dicir, que moitos rapaces que foron integrantes da banda de música de Cee, e que en canto poden volven para tocar con nós, están traballando en Madrid e por Europa adiante. Así é o caso de Bernabé, Chema, Adriana, David, Pablo, Sara, Elena, etc. Pero, cando eu marchei a mediados dos oitenta, ir estudiar fora da comunidade galega non era tan común como pode ser agora.

Conteivos todo isto porque para min esta relación foi clave no meu desenvolvemento, pero tamén porque me gustaría poñer en valor o que fan moitas veces os demais por nós sen esperar nada a cambio. Atopámonos durante a vida con xente xenerosa que nos axuda, e non sempre sabemos apreciar nin agradecer dabondo. Ocorre en calquera ámbito da vida persoal e profesional, pero, se mo permitides, gustaríame poñer o foco na profesión de profesor. Penso que inclúe os valores de xenerosidade e dedicación que acabo de comentar e que a día de hoxe non está suficientemente valorada, ao meu parecer.

Podedes imaxinar a impresión que supuxo para un rapaz de Lires, Cee, chegar a unha cidade de catro millóns de habitantes. A cantidade de xente de distintas etnias que había sempre polas rúas, a actividade constante a todas horas e que provoca a sensación de que a cidade nunca durme; o só que pode atoparse alguén a pesares de estar rodeado de tanta e tantas persoas; o pouco que chovía no inverno en comparación cos invernos da costa da morte. E houbo algo que, aínda que agora vos poida parecer que non ten importancia, para min, que son máis sinxelo que unha vara de medir, sorprendeume. Alí non marchaba a luz durante o inverno. Si, si.

Eu que estaba farto de ter que estudar a luz dunha vela ou dunha lanterna para algún exame ou non poder acabar de ver unha película ou partido, porque quedabamos sen luz durante horas en Lires como fixera un pouco de temporal. «Debeu caer algunha árbore na liña de corrente», adoitaba dicir meu pai. Pois en Madrid, xa podía chover, tronar e ventear arreo que a luz seguía funcionando. Xa vedes, co que se queda un.

Pero adapteime aos novos ritmos que marcaba a cidade. Xa corría como o que máis para coller o metro, como se fose o derradeiro que fora a pasar; acostumeime a ver de cotío persoas vivindo na rúa; e, sobre todo, a sentir moita morriña pola Galiza e pola familia que deixara atrás. E adapteime, como miles degGalegos aos que lles tocou emigrar, a maioría das veces por necesidade, a calquera lugar do mundo, buscando unha mellor calidade de vida para eles e para as súas familias. Moitas veces chegando a grandes e descoñecidas cidades, cun idioma novo, costumes novos e con pouco máis que unha maleta chea con catro camisas e moitas ilusións, iso si. Disto temos moreas de exemplos na Costa da Morte. Se Arxentina está considerada a 5ª provincia Galega, que podemos dicir de Suíza, Alemaña, Canadá, Venezuela, etc. Cada un dos que aquí estamos seguro que sabemos dalgún veciño ou familiar que emigrou a un destes países. E os galegos, sempre se fixeron respectar alá a onde foron a traballar e a facer a súa nova vida. Falando de galegos fóra da terra, lembro un día que ía por Madrid coa miña moto con matrícula de Coruña, e parado nun semáforo, acércase un taxista, baixa a xanela do coche e dime: «E que, chove por Coruña?». Xa nos dou para unha pequena conversa mentres a luz vermella lucía no semáforo.

Nós, que fomos e seguimos sendo un pobo emigrante, agora vemos como milleiros de peregrinos visitan a nosa comarca, entendendo que o camiño non remata en Santiago. Este fenómeno está a mudar a actividade turística da zona, permitindo a apertura de moitos establecementos para atender as necesidades dos camiñantes. Nin que dicir ten que quedan abraiados coa nosa paisaxe, hospitalidade e gastronomía. E todos os que aquí vivimos debemos coidar que a atención sexa a mellor para que estas persoas queden satisfeitas e volvan noutras ocasións. Entendo, que ademais de coidar as industrias da zona e o pequeno comercio, o sector do turismo vai  ser fundamental no desenvolvemento desta comarca, e é preciso darlle a importancia que merece.

Os pobos pequenos como o noso, están a vivir un despoboamento e illamento moi fortes. Temos que contar con boas comunicacións por estrada para que poidamos desprazarnos ata calquera punto de Galiza con facilidade, sen deixar medio soldo en peaxes, e nos permita seguir vivindo aquí. E que, contando con esas boas estradas, as empresas poidan instalarse nos polígonos da comarca. Por iso, Autovía ata Cee, xa!.

Se unhas boas estradas son importantes para fixar poboación, non menos importante é que as telecomunicacións sexan acordes o século XXI: Internet de alta velocidade e cobertura móbil eficaces. Basta de ter que subir ao pino máis alto para poder falar por teléfono, como ocorre nalgunhas aldeas que nos rodean. Moitos traballos de hoxe en día e moitos máis no futuro inmediato, seguro, só precisarán unha conexión a internet de alta velocidade para poder desempeñarse desde Cee, Muxía ou Fisterra, sen necesidade de mudarnos a vivir a unha gran cidade permanentemente. Vivimos nun lugar único, pero que precisa de coidados por todos nós e polas institucións públicas.

Non poido deixar de laiarme que, por exemplo nun lugar tan turístico como Lires, a auga da súa praia leve anos declarándose «de calidade insuficiente» para o baño. Ou que empreguemos os metálicos vellos como peche das fincas; ou que coloquemos as parabólicas enriba das cabaceiras; ou que se constrúan edificios de pisos ao lado de praias, tapando a súa visión, na busca dun turismo tipo Benidorm, que está moi lonxe do que aquí precisamos. Todo isto non podemos permitírnolo se queremos que esta zona siga a ser unha paraxe única no mundo. Temos un gran valor entre as mans e a nosa obriga é coidalo para deixarllo as seguintes xeracións nas mellores condicións posibles.

E seguindo con isto, son moitos os aspectos nos que se podería traballar para axudar a que os pobos pequenos poidan seguir medrando:

  • Apoio ao pequeno comercio local, así como aos traballadores do campo e do mar. Poñamos en valor a atención que nos dan os veciños que teñen a súa tenda e na que se deixan, seguro, parte da vida. Xa sei que as veces é máis sinxelo comprar cun clic de ordenador desde a casa en «ama... un-montón, ou en ali... café- express...» Xa sabedes a quen me refiro. Pero, estes grandes, cando teñan o monopolio comercial, farán con nós o que queiran.
  • Contamos na nosa contorna con terreos idóneos para desenvolver actividades propias do rural, como son a agricultura ou a gandería. A estes traballadores hai que pagarlles o seu produto a un prezo que lles permita non só sobrevivir, senón poder vivir con dignidade. Senón, como se van a montar máis explotacións deste tipo?. Funcionando ben, este sector podería ser clave para fixar e incrementar poboación.
  • Coidemos da paisaxe que a natureza nos regalou na Costa da Morte. Como xa sabedes moitos de vós, unha das afeccións que teño é a fotografía. Isto lévame a percorrer, cando teño un pouco de tempo e folgos para camiñar, o mar que nos rodea por todos lados, a montaña, os ríos, os montes, os cantís... Cando poño estas fotos nas redes sociais, xentes de todo o mundo mostran o seu asombro ante as nosas paisaxes.
  • E xa rematando a lista das miñas propostas, pídolles as institucións públicas que apoien a cultura que se xera desde aquí e que serve, entre moitas outras cousas, para proxectar o nome de Cee de cara o resto de Galicia. Aquí faise música, teatro, literatura, imaxe e son..., con calidade, pero que precisa, si ou si, o apoio dos concellos, da deputación e da xunta de Galicia.
  • Un exemplo que ilustra isto último é a banda de música que hoxe temos. Cee levaba case 60 anos sen banda de música, desde as dúas últimas dirixidas por Manuel Rebollar e Francisco Rey. Coa creación da escola municipal de música no 1998, foise desenvolvendo, pouco a pouco, unha formación musical nos rapaces de Cee e da comarca que deu como resultado unha banda de música que ofrece, desde hai anos, concertos por toda a costa da Morte, pero tamén polo resto de Galicia e mesmo en Portugal. Un proxecto feito con dedicación e constancia do que formaron parte moitos alumnos ao longo destes anos. Incluso algúns deles decidiron facer da música a súa profesión. Aproveito esta ocasión para darlle as grazas a todos eles, aos profesores da escola e o Concello de Cee por axudar a levalo adiante coa súa participación e esforzo. Esforzo que implica ensaios, ensaios e máis ensaios durante todo ano ata que chegan as festas da Xunqueira.
  • O mesmo impulso e axuda precisa o deporte. De sobra son coñecidos os beneficios da práctica deportiva. Pois dotemos dos medios precisos aos clubs que de fútbol, baloncesto, atletismo, ciclismo e tantos outros que temos para que rapaces e maiores o practiquen nas mellores condicións e incluso poidan proxectarse a nivel máis profesional competindo nas ligas autonómicas e nacionais.
  • E cos nosos maiores ocorre outro tanto. Precisan dunha oferta de actividades culturais, deportivas e de ocio axeitadas para eles, para que poidan seguir desenrolándose activamente.

Son consciente de que dicir todo isto resulta sinxelo e non tanto levalo adiante, pero, ou se dota aos pobos pequenos como Cee dos medios axeitados que posibiliten levar unha calidade de vida digna, sen perder claro, o que é a esencia dun pobo da costa como o noso, ou aquí imos a quedar catro pelagatos, como se soe dicir. Animo a nova corporación do Concello de Cee que hai uns días entrou no goberno, a que leven adiante iniciativas neste senso. Ben, como podedes ver, arranxamos os problemas da nosa comarca nun momento. Polo menos, que non falten propostas.

Pero volvamos o que realmente nos ocupa nestas datas, que son as festas da Xunqueira. Desde o ano 2000, en que o alcalde, o Sr. Lamela, me propuxo entrar a formar parte do profesorado da escola municipal de música e dirixir a súa banda, as festas da Xunqueira provócanme un dobre sentimento. Por un lado, responsabilidade, ante a intensa actividade de pasarrúas, procesión e concertos que temos que dar no día máis importante das festas, e nos que os membros da banda queremos cumprir coas expectativas que milleiros de fans, milleiros!!!, teñen depositadas en nós. E por outro lado, os desexos de desfrutar do ambiente festivo que se respira durante os días de festa, das comidas en familia, do reencontro con amigos que non vemos durante o resto do ano, e por suposto, dos concertos das outras bandas e grupos musicais.

Lembro, cando era un neno e vivía en Lires, que a chegada das festas da Xunqueira supoñía un verdadeiro acontecemento durante as vacacións do verán. Estrear roupa nova para a ocasión, saltarse o horario normal de ir a durmir, comprar as fichas para ir as atraccións cos amigos, os fogos de artificio as doce en punto da noite, mercar os churros ou unha mazá doce con pau antes de ir para a casa, etc, etc. E, ademais, esta rutina lúdica repetíase durante varios días. Era evidente que o mes de agosto era o mes da festa e da troula, porque xa o 1º domingo deste mes tamén tiñamos a festa do Sacramento en Lires. E isto foi a máis co tempo porque xa tendo o carné de conducir, co Seat 127 de meu pai, percorría cos amigos todas as festas da comarca. Supoñía outro nivel de independencia pero tamén de responsabilidade, polo de «si bebes, non conduzas».

Anos máis tarde, no verán de 1997 vin tocar nas festas da Xunqueira co grupo de Carlos Núñez. O señor Ares, daquela concelleiro de Cultura, púxose en contacto comigo para preguntarme varias cousas sobre o grupo. Que tipo de música faciamos e si había cantante, ante a dúbida, imaxino, de que un grupo que só facía música instrumental puidera estar a altura dunhas festas da Xunqueira. Foi valente e contratounos. Todo o espazo que está diante do Concello estaba ateigado de xente, expectante por escoitar a un xa daquela famoso gaiteiro, e a súa banda. Recordo o especial que foi para min tocar en Cee nesas festas da Xunqueira, diante de tanta xente coñecida, despois de pasar o verán tocando por España adiante.

E para ir rematando, gustaríame facer un par de rogos, aproveitando a ocasión que hoxe teño. Van dirixidos ás comisións de festas e entidades que se encargan da programación das romarías da nosa contorna. O primeiro está relacionado coa música que se programa para as verbenas. Paréceme ben que se contraten orquestras e disco móbiles, pero hai máis variedade de música para ofrecer: grupos de música tradicional, música folk, pop, indie, rock, rap, jazz, etc. En todos estes estilos hai agrupacións e solistas de gran calidade no panorama español, mais resulta difícil podelos ver e escoitar en calquera festa do verán. Temos que darlle unha identidade propia as nosas romarías, fuxindo de que todas estean cortadas polo mesmo patrón.

En relación a isto, tamén quero mostrar a miña preocupación polos horarios e costumes que se están a manexar. Como algúns de vós, son pai de adolescentes, e cando me toca levalos a algunha romaría da comarca, poido observar que os rapaces son moi precavidos e van todos cunhas bolsas coa «merenda» para aguantar a longa noite que hai por diante. Non fomentemos o consumo de alcohol con horarios que se estiran ata o amencer.

O segundo rogo está máis dirixido as institucións públicas. Sanitarias, incluso, para que se controle a cantidade de decibelios que emiten entre tódalas atraccións de feira e na maioría das orquestras. Imos a quedar todos xordos co tempo. Non fai falla chegar a niveis sonoros dun motor a reacción dun avión para escoitar a música. A conto disto último, souben esta mesma tarde que o concello de Cee decidira que, durante estas festas, haberá unha hora sen música no recinto das atraccións, para que os nenos con TEA, que son hipersensibles ao ruído, poidan achegarse e desfrutar como os demais. Moi ben, aplaudo a iniciativa, pola atención a diversidade que esta medida supón.

Ben, vedes que estou feito un «abuelo cebolleta» traendo aquí historias de fai anos e un roñón, pero é que o tempo énchenos de cicatrices a pel e a alma. Deséxovos que pasades as mellores festas da Xunqueira das vosas vidas, esquecendo por uns días os problemas cotiás e desfrutando ata o última momento do que queda de verán, pois como dicimos por aquí: «Cando pasa a Xunqueira, o inverno cheira..» Boas festas!.

Como o meu é máis tocar e dirixir ca falar, para rematar vou tocar un tema que compuxen para esta ocasión. Consta dunha parte lenta, que reflicte a tranquilidade coa que se pode vivir neste comarca e dunha parte máis lixeira, propia da bravura do mar e dos temporais que entran por Fisterra. Este tema vai enlazado con outro que aprendín do acordeonista escocés Phil Cunnighan. Imos alá.

Nota. Fernando Fraga fue presentado por la alcaldesa ceense, Margarita Lamela, quien también pronunció un sentido discurso referente a la fitugura del artista. Puede leerlo aquí

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Cee
Comentarios

Pregón da Xunqueira de Cee, por Fernando Fraga