José Manuel Bermúdez Piñeiro: «Teño que vivir moi preto do mar, senón agoníome, pásoo moi mal»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CEE

Jorge Parri

«Os meus lugares favoritos desta zona son a praia da Insuela e Corcubión», di

17 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Bermúdez Piñeiro, coñecido por Chema (O Pindo, 1998), ten 21 anos e é xogador do Cee, equipo que milita na Segunda Autonómica do grupo da Costa. Leva toda a vida xogando ao fútbol: «Comecei no Cee cando tiña apenas 6 anos. Logo fun para o Carnota, pero cando desapareceron as escolas de base marchei para o Soneira, e de alí regresei ao Cee». Defensa central de 1,84 metros de altura, defínese como un xogador de forza, ao que lle gusta saír co balón controlado dende atrás.

-Cando xoga, pensa que pode chegar algo máis arriba no mundo do fútbol?

-Considérome moi competitivo, polo que non me gusta nada perder, como é lóxico, pero tampouco tomo o fútbol como a fin do mundo. Non me gusta perder as formas, gústame xogar e pasalo ben, que tamén é importante. En todo caso, no que á formación se refire nesta comarca hai un problema importante: falla a promoción dos rapaces. Coñezo a xogadores moi bos, aos que non se lles dá a oportunidade de destacar. Nisto do fútbol tamén hai un factor chamado sorte, que aquí, polo que sexa, non se acostuma dar.

-De que equipo é seguidor vostede?

-Do Real Madrid.

-Cando xoga, ou cando comezou, cales foron as súas referencias?

-Gústame a forza e o carácter que lle imprime ao equipo Sergio Ramos, pero tamén me fixo na calidade de xogadores da clase de Isco ou Iniesta.

-Como aborda, se xa o fixo, o seu futuro no mundo do fútbol afeccionado?

-Penso en pasalo ben, xogar e competir, pero o meu futuro pasa por formarme.

-Xa ten decidido onde e como?

-Agora mesmo estou facendo un ciclo de formación profesional de deseño de produtos mecánicos en Vigo e para o vindeiro curso quero facer unha carreira relacionada co deseño técnico.

-A que lle gustaría dedicarse no futuro cando remate os seus estudos?

-Gústame o debuxo, creo que se me dá moi ben. Tamén me gusta todo o que ten que ver co deseño. Talvez, se puidese, faría algo relacionado co deseño de mobles, de cuartos...

-Ademais do debuxo, cales son as súas outras afeccións?

-Todo o que ten que ver cos deportes do mar: a pesca, a natación... E tamén me gusta cociñar. Polo de agora vou co básico, pero son dos que vou aprendendo rápido. Falo con miña nai [Marisol], facemos propostas e vou probando e practicando, e a verdade, e polo que fixen ata o de agora, non se me dá nada mal. O que si levo mal é o de limpar cando mancho [ri]. Prefiro cociñar antes que limpar, iso seguro.

-Ten algunha afección máis?

-Ler, sobre todo os temas relacionados coa mitoloxía e a antigüidade.

-Di que lle gusta a pesca. Dígame un lugar ao que vai de forma habitual.

-Detrás da miña casa, no Pindo. Sempre que podo vou para alí.

-Se tivera que escoller un par de sitios para gozar das vistas, cales escollería?

-Un deles sería sen dúbida a praia da Insuela, preto de Caldebarcos (Carnota). E se falamos da zona de Fisterra gústame a vila de Corcubión, ten unhas casas mariñeiras fermosas, é un lugar moi bonito.

-Polo que vexo gústalle todo o que ten relación co mar...

-Non é de agora, é de sempre. Teño que vivir moi preto do mar, senón agoníome, pásoo moi mal. O mar reláxame e sérveme para desconectar.