«Precisamos un cambio, volver situar Cee na proa»

V. Couto / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

CRISTIAN TRILLO

A CARREIRA ELECTORAL | O saneamento da ría é unha das cuestións que máis preocupan ao BNG, que ten en mente proxectos realistas para o concello, segundo conta o candidato, Serxio Domínguez

06 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Serxio Domínguez Louro (43 anos) volve encabezar a lista do BNG en Cee. Nos pasados comicios acadaron un edil e, despois dun mandato de traballo, aspiran a lograr un cambio para o municipio.

-No seu caso, xa con experiencia.

-Si, é a segunda vez neste posto, encabezando a lista do BNG, e con catro anos a maiores que me fixeron máis veterano e un pouco máis experto na política. Trataremos de rendibilizar esa experiencia.

-Como ve a situación política agora mesmo no concello de Cee?

-Para nós é unha situación calamitosa, desastrosa. Empezou xa mal, cun goberno incapaz de artellar un executivo estable, un goberno de cinco que ao pouco tempo se converteu nun de tres e que non foi quen de asumir os problemas reais de Cee. Non foi capaz de facer o mínimo para darlles solucións. Claro exemplo é o que pasou coas festa da Xunqueira ou coa xestión da piscina. Desta vez, non van poder presumir da súa boa xestión, senón do contrario. Necesitamos que isto cambie, volver situar Cee na proa, para que colla o temón da Costa da Morte. Convertela no que esta vila se merece.

-Que propoñen para iso dende o BNG?

-Queremos propoñer cousas realistas. Imos poñer en marcha unha brigada de obras, con cinco persoas, que se dedique durante todo o ano a manter nun axeitado estado vila e parroquias, como a xente demanda. Temos apalabrada coa área de Servizos Sociais da Deputación a adaptación da antiga gardería, onde vén de abrir o centro de atención ao alzhéimer, para convertelo nun centro de día axeitado ao que Cee precisa, como xa temos falado tamén con Afafes. Logo, sobre todo, está a cuestión do saneamento da ría: ten que ser produtiva, volver dar postos de traballo. Tela así, contaminada, é un problema de saúde pública. Hai que darlle unha volta a isto, como ás praias: Cee ten catro e tres non son aptas para o baño. Lires, A Concha e Estorde han de volver ser o que foron, e máis nestes momentos nos que tanto se tira do turismo. Para o BNG será básico, finalmente, atender as demandas da veciñanza, escoitalos, como fixemos ata o de agora. Quereriamos, finalmente, tomar o modelo de Carballo, converter Cee no Carballo desta parte da Costa da Morte.

A favor / en sombra

  • Cadea perpetua revisable: Educación. Abrir escolas, pechar cárceres
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: En contra
  • Traslado de restos de Franco: Corenta anos de retraso levamos
  • Referendo Cataluña: Democracia
  • Acollida refuxiados: A favor, por suposto. Nós levámoslles as guerras, o mínimo que podemos facer é acollelos
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: Educación. E se o cambio é para protexer á muller, por suposto que si
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor, tamén, si

Preferencias

  • A que hora se ergue? Sobre as 07.45
  • Que almorza? Un cafeíño con leite e algo que hai sempre na casa feito, caseiro
  • Prato preferido: Calquera dos que fai miña nai
  • Que non comería? Seguramente insectos
  • Bebida preferida: Auga e cervexa, nesta orde
  • Equipo de fútbol: Os dous galegos, e o Barcelona
  • Que coche ten? Un Peugeot 2008
  • Unha afección: Estar coas miñas fillas, sempre que teño un rato libre
  • Un lugar: Moitos, pero quizais a praia de Lires. Sempre que podo...
  • Que tarefas de fogar realiza? Todas, cando estou na casa

Artes e letras

  • Escritor favorito: García Márquez, sen dúbida
  • Último libro que leu: «Un mundo feliz», de Aldous Huxley
  • Última película que viu: volvín ver a primeira da Guerra das Galaxias. A máis vella.
  • Un artista: Uxía, a miña filla, seguramente
  • Un actor: Vaime matar Artur Trillo, o meu profesor de teatro [ri], pero Toño Casais
  • Unha actriz: Isabel Risco
  • Un cantante: Silvio Rodríguez, sen dúbida
  • Tipo de música: A de autor, cantautor, e folk galego
  • Deporte que practica: Deixei o fútbol activo hai cousa de ano e medio: teño que retomalo.
  • Unha viaxe pendente: Bos Aires, sempre me chamou

A lista

1. Serxio Domínguez Louro

2. César Fernando Pérez Martínez

3. Ana Belén Lestón Gallardo

4. Manuel Ozón Caamaño

5. Silvia Rodríguez Piñeiro

6. Pablo Álvarez Caamaño

7. Paula Caamaño Santamaría

8. Martín García Caamaño

9. Ana Belén Pérez Martínez

10. Jesús Bahamonde Trillo

11. Begoña Barral Sánchez

12. Alfonso Mouzo Trillo

13. Leticia Domínguez Domínguez

Suplentes

1. Marcos Antonio Vázquez Trillo

2. Raquel Vieites García

3. Andrés Castro Fiuza