Adrián Leira: «Apoiaremos a esa xente que queira abrir negocios en Cee»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

A carreira electoral | O presidente do Cee, Adrián Leira, preséntase polo Partido Libertario para «sentar a todo o mundo á mesa» e buscar solucións que saquen o concello adiante

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con tan só 29 anos, Adrián Leira López é dos candidatos de menor idade que no próximo mes de maio aspirarán a facerse con algunha das alcaldías da Costa da Morte, así como a principal novidade de cara aos comicios en Cee. Encabeza a listaxe do Partido Libertario co convencemento de que só con diálogo e moderación se poderá sacar o concello da situación na que se atopa.

Segundo opina Leira López, Cee precisa «savia nova», así como un «xestor de maneira urxente», polo que unha das primeiras medidas que tomaría, en caso de saír elixido rexedor, sería encargar «unha auditoría, xa que nin sequera sabemos realmente o que temos».

Presidente do Unión Club Cee, di ser unha persoa que se toma a vida con humor, aínda que iso non lle impide «ser eficaz».

-Estréase na política ou xa tiña algún tipo de experiencia previa?

-Sempre quixen ser alcalde, dende pequeno. Esta é a primeira vez que fago lista.

-Que o levou a dar ese paso e pasar a formar parte activa da política municipal?

-Foi a raíz de asumir a presidencia do Cee dende Madrid. Aí animeime.

-Como valora a situación política en Cee?

-Eu fíxome moito nas listaxes e hai moita división e colectivismo. A Constitución non se fixo pelexando uns contra os outros, senón entre todos. A miña opinión é que todos nos temos que sentar na mesa [e colaborar].

-Que destacaría do programa que a súa formación, o Partido Libertario, trae para estas eleccións?

-Un dos factores que me levaron a buscar a alcaldía foi ver tantos carteis de «véndese» ou «alúgase». Hai que crear riqueza, non poñer trabas. En Cee, por exemplo, para que che dean a licenza de primeira ocupación tes que pagar un 1 % da obra. Habería que sacar todas esas trabas que impiden o desenvolvemento do concello.

Unha das propostas que levamos no noso programa é apoiar á xente nova ou desempregados que queiran abrir o seu negocio nalgún dos locais que ten o concello tanto no mercado como no centro comercial. En vez de pagar o importe da comunicade e mais o do alugueiro, nós comprometémonos a cobrarlle só a comunidade. Eu creo que, así, a xente animaríase a crear emprego na vila.

A favor / En contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor, en casos de asasinato
  • Aborto: Son as mulleres as que deciden
  • Investigados nas listas: Dependerá de cada caso
  • Traslado de restos de Franco: Indiferente
  • Referéndum Cataluña: Dous, un aos españois en conxunto e outro aos cataláns
  • Acollida refuxiados: A persoas que realmente o precisen
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: Todo é mellorable
  • Prohibición fumar praias e piscinas: Espazos delimitados para fumadores
  • Casco urbano a 30 km/h: Non me gustan as limitacións

Preferencias

  • A que hora se ergue?: Sobre as 7.00-7.30
  • Que almorza?: Churros e café
  • Prato preferido: A comida da miña nai
  • Que non comería?: Bosta, ao mellor [ri]
  • Bebida preferida: Un godello
  • Equipo de fútbol: O Cee, por suposto!
  • Que coche ten?: O da casa
  • Unha afección: O fútbol
  • Un lugar: Calquera recuncho de Cee
  • Que tarefas de fogar realiza?: Facer a compra

Artes e letras

  • Escritor favorito: Otero Lastres e Concha Blanco
  • Último libro que leu: El afeitador de muertos
  • Última película que viu: Calquera desas das 4 da tarde
  • Un artista: Juan Pardo
  • Un actor: Luís Tosar
  • Unha actriz: Cristina Castaño
  • Un cantante: El Reja
  • Tipo de música: Toda a que soa nas orquestras
  • Deporte que practica: Camiño e fago zumba
  • Unha viaxe pendente: Tralas eleccións irei a Madrid

A listaxe:

1. Adrián Manuel Leira López

2. Verónica Blanco Mouzo

3. Manuel Rojo Casais

4. Maikel Cambeiro Lourido

5. María Dulcerina Lagoa Río

6. Ana María Trillo Fernández

7. Daniel Cambeiro Lagoa

8. María Dolores González Martínez

9. Mónica Quintáns Tajes

10. Álvaro Lago Leis

11. Silvia Martínez Agulleiro

12. Alejandro Alonso Allones

13. Lorena Romero Caamaño

Suplentes:

1. Álex Agulleiro Castro