«Habería que estar loitando para que a autovía chegase a Cee»

ENTREVISTA | O veterano empresario José Gabín, presidente da Fecom, ve apatía e falta de unión para sacar adiante proxectos de interese xeral


cee / la voz

José Gabín Martínez (Pobra de Trives, 1944) preside a Federación de Empresarios da Costa da Morte (Fecom), unha entidade clave nalgúns dos logros da comarca nos últimos anos e que, coma tantas outras, está en horas baixas.

-¿O tecido social da Costa da Morte ten hoxe a forza para outra reivindicación como a da ITV?

-Rotundamente non. Está todo desarticulado. Aquela participación, aquela unión, aquela forza desarticulouse. Hai que darse conta que o 90 % do noso tecido empresarial son autónomos e esa unión era fundamental. Hoxe unhas entidades desapareceron e outras están desarticuladas. Os polígonos, a redución de prezos para activar e animar a crear empresas, a legalización das naves, a ITV, que a autovía continuase cando menos ata Baio... Foron todo logros que se conseguiron despois de moito pelexar.

-¿Por que habería que estar loitando nestes momentos?

-Cando menos porque a autovía chegase ata Cee para enlazar coa estrada que xa está feita de Fisterra e para conectar con Muxía, Camariñas... Xa non só pola actividade industrial propiamente dita, senón polo turismo, que é o sector máis produtivo que temos neste momento, pero tamén nisto hai moitas iniciativas particulares, pero falta traballar máis xuntos. É máis, nin sequera o turismo é suficiente para evitar que sigamos perdendo poboación. Ten un carácter moi estacional de tres meses no verán, algo agora en Semana Santa... pero non a capacidade de manter o emprego todo o ano. A xente acaba cansándose, marcha para as cidades e acaba abandonando o territorio. Eu penso que temos un pouco a culpa todos e todos perdemos.

-¿A que se refire?

-A sociedade non é participativa como eramos antes. Había unha unidade para crear colectivos, para reivindicar e de aí naceron moitas asociacións, pero hoxe a sociedade pasa de todo. Eu na Fecom hai moito tempo que busco relevo e sígoo buscando. Mentres tanto, tratamos de mantela por se chega un día na que vén alguén e pode resultar útil para acadar algún obxectivo. Pero mantémola a través de amigos, que che coñecen e saben que no seu día estivestes aí. Por iso se fan socios, pero nada máis. Estou moi desencantado pola falta de participación, porque incluso a xente que está funcionando máis ou menos ben, pensa que é autosuficiente sen contar cos outros.

-¿Como se rompe esa dinámica de apatía?

-Ao mellor isto tamén é unha cuestión de ciclos e o precisamos e coller carreiriña para volver con máis forza, pero terán que ser as novas xeracións as que o fagan, porque estamos vivindo dunhas rendas, do que se acadou hai anos, que non son suficientes. Un exemplo, o da ITV comezouse nos tempos que era alcalde Ernesto Rieiro e acadouse estando Manuel Muíño. Pasaron moitos anos polo medio, nos que Baio tiña un sector de automóbil potente, con feiras nas que se vendían centos de coches... Foi habendo reunións e aquilo foi medrando.

«As cousas conseguíronse porque había unha sociedade detrás que te seguía»

Gabín incide moito na necesidade do respaldo social.

-Segue facendo falta xente que traballe e que tire polas cousas.

-Si, pero as cousas conseguíronse porque había detrás unha sociedade que te seguía, que apoiaba. Xuntar 5.000 persoas para o da Autovía non foi calquera cousa. Pero naqueles momentos recordo que houbera unha reunión con Marisol Soneira e mesmo coa asociación de empresarios da Santa Comba para reivindicar un enlace dende Bertamiráns que conectase coa autovía en Berdoais e crear alí un gran parque tecnolóxico. Iso non quere dicir que non fagan falta pequenos polígonos nos pobos para que a empresa de catro ou 10 traballadores non marche. Hoxe temos Inditex na Laracha -que na Laracha están facendo as cousas moi ben-, pero sería moi diferente se estivese en Berdoias, porque influenciaría a todo o entorno xerando unha actividade que posibilitaría o crecemento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Habería que estar loitando para que a autovía chegase a Cee»