Dende a Fin da Terra ata a Fin do Mundo

Xoanxo Cespón

CEE

EN PRIMEIRA PERSOA | Xoanxo Cespón | «Pasei tempadas longas de vacacións escolares en Muxía e Camariñas, pobos que teñen un recuncho máxico na miña memoria», escribe 

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dunha infancia e adolescencia en Cee, a 15 quilómetros da Fin da Terra, emigrei a Londres, no 1988. Aínda que a miña infancia transcorreu principalmente en Cee tamén pasei largas tempadas das vacacións escolares en Camariñas e Muxía, pobos que teñen un recuncho máxico na miña memoria e no meu corazón. Dende o 2001 ata o 2013 residín en Bloemendaal, nos Países Baixos, ata que retornei ao Reino Unido, Hampshire, onde resido na actualidade.

Comecei a pintar no ano 1991, en principio en acuarela e posteriormente en acrílico e óleo, sinxelas ferramentas para tentar cambiar un mundo co que o meu espírito inquedo e inquisitivo non se podía conformar.

Como poeta colaborei na publicación de On the Wings O’Butterflies e Wandering Clouds, escritos en inglés por 9 poetas internacionais. No 2017 publiquei o meu primeiro libro en solitario de poesía en inglés, Xoetry, 2017. Imos Indo (2018) é a miña primeira colección de poemas en galego.

Despois de moitas noites e madrugadas en solitario, acompañado por uns cantos pinceis, espátulas, con todos os meus medos reflectidos sobre centos de lenzos en branco, e como non, milleiros de cancións invadindo o silencio do aire, se non conseguín cambiar o mundo, o que si logrei, foi deconstruílo tanto que unha boa mañá de súpeto esfumouse, e eu, por sorpresa, tamén funme con el…

Que desperdicio de 37 anos de vida! Foi o primeiro que pensei…

-Vale Xoanxo, créote, podes morrer en calquera momento…

-Si, así é… En calquera momento!

-Pero aínda non morreches!

-Non!

-Entón, en que cambian estas circunstancias das do resto da túa vida, nas que sempre puidestes morrer en calquera momento?

-Eh?… Que me dis?… Nese sentido, en nada!

-Pois por que non segues vivindo, mentres sigas vivo?

Aquelas palabras, ás que cheguei pola miña rebelión e ambicións artísticas frustradas, cruzaron o veo, como un coitelo segando ata o corazón dunha cebola forxada, capa a capa, pasiño a pasiño, durante demasiados anos…

Que desperdicio de 37 anos de vida! Foi o primeiro que pensei… Sempre tentando chegar, vivindo o pasado, o futuro, nunca estando onde realmente estaba, sempre buscando algo ao que agora non vou chegar…!

O concepto do presente

Nos días, semanas, meses que seguiron descubrín que a miña vida sempre tivo lugar no momento presente, que o pasado non era máis que unha memoria, un pensamento… Que o futuro tamén, que o espazo no que todo sempre transcorría era no agora, un agora que semellaba pola súa natureza un espazo que se axustaba precisamente á miña definición da eternidade…

Decateime que o meu nome non falaba de min, que o mundo non era máis que unha serie de conceptos

Ese espazo atemporal, constante, sen principio nin fin… Sempre agora! Descubrín que sen pensamento todo un mundo que ata entón fora unha verdade sólida e incuestionable desaparecía como por arte de maxia, que aquel vello mundo non era máis que unha serie de pensamentos e xuízos, tanto propios coma alleos, nos que paseniño cheguei crer coma verdades fundamentais.

Decateime que o meu nome non falaba de min, que o mundo non era máis que unha serie de conceptos que me fixeron aprender, aceptar… Que non hai fronteiras, que nacemos sen papeis, que a vida e a natureza non precisan cartos, que o éxito e o fracaso viñan da man dunha serie de expectativas (moitas veces nin propias) pero sobre todo dunha serie de xuízos condicionados.

Pouco a pouco aprendín a plantar os pés no chan, a perdoar, a non xulgar, a escoitar con todo o corpo, a saber diferenciar entre as verdades encubertas e as mentiras construídas, fermosamente adornadas… Aprendín que ata entón levara unha vida fuxindo de min mesmo, que a miña inquietude non era máis que unha ansia da alma por descubrirse a si mesma.

Finalmente, outra conversa máis acabou de rematar o pouco que quedaba daquel antigo mundo moribundo…

-É que, se sigo lendo sinto que vou desaparecer por completo e teño medo…

-Non teñas medo, ti segue lendo, deixa que morra o home vello e que naza o home novo…!

E eu… Seguín lendo…

DNI. Xoanxo Cespón. Nado en Cee, en xaneiro do ano 1970, e licenciado en Estudos Internacionais pola Open University, en Reino Unido. É un artista multidisciplinar que traballa diferentes técnicas como a pintura, a fotografía, a montaxe dixital ou mesmo a poesía. Di Cespón que as súas pezas non son máis que unha expresión de si mesmo e que os procesos de creación o levan, a miúdo, a un estado no que «o tempo se detén». As súas pezas foron expostas en localizacións como o Círculo de Bellas Artes de Madrid, innumerables galerías de Londres, Manchester e Ámsterdam ou o espazo local Stoupa, en Cee. Chegou mesmo a ter galería propia en Hoofdorp, nos Países Baixos, durante dous anos.