«O maior problema dos ciclistas é a xente, non as estradas»

O Club Ciclista Cee, da man do seu presidente, Antonio González, celebra as súas vodas de prata cun repaso á súa historia e á máis recente deste deporte


Carballo / La Voz

O 13 de decembro do ano 1993, o dumbriés Antonio González Franco, xunto con outros cinco amigos ciclistas (entre eles, o presidente, José Ramón Lestón Saborido), fundaron o Club Ciclista Cee: «Xuntabámonos para organizar saídas, e os compañeiros de Carballo Placasa [agora Club Ciclista Carballo a un Paso], a entidade de ciclismo máis antiga da zona, dixéronnos que, para iso, era mellor montar un club. E aí fomos, con toda a súa axuda, sobre todo do psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle», explica Antonio que, dende o ano 2000, pasou a ocupar a presidencia, e que 18 máis tarde di que, aínda que el segue «encantado» no cargo, desexaría que se animase «xente moza e con ideas novas».

O Club Ciclista Cee despide hoxe o 2018 e, con el, deixa atrás un cuarto de século de historia. Un bo momento para botar unha mirada atrás e ver o camiñado e o que aínda falta por percorrer.

-¿Por que momento pasa o club?

-Somos sobre unha trintena de socios que, dende o ano 2015, non organizamos probas, senón que nos limitamos a colaborar co Concello, co Día do Deporte na Rúa e co Día da Bicicleta deste medio, ademais de participar en moitas marchas cicloturistas galegas ou nacionais moi coñecidas como a Quebrantahuesos, que atravesa os Perineos, ou a do Marisco, no Grove. Deste xeito, non aumentamos o número de socios, pero si en intensidade, pois a media de idade é de 45 anos e cada vez estamos máis afeccionados. O noso fundamento sempre foi a parte máis lúdica do ciclismo. Porén, dende 1995 a 1999 organizamos a Ruta Neria por estrada, que aínda que cada ano variaba sempre pasaba polos concellos de Cee, Muros, Dumbría, Carnota, Fisterra e Mazaricos, e dende o 2011 ata o 2015, a Volta BTT Terra Neria, que xa era un percorrido máis curto e polo monte de Cee, Corcubión e Fisterra.

-¿Nunca competiron, entón?

-Si, durante un par de anos a partir do 1994, formamos un grupo sub 23 moi curioso. Pero ao acabar de estudar e comezar a traballar desfíxose, e nunca máis houbo outro. En xeral, porque así como hai xente que proba as dúas rodas e se engancha e que debido a iso chegamos a ser entre o 2008 e o 2012 medio cento de socios, tamén hai outra que ve o punto de sufrimento que comporta e marcha. Porque a xente pensa que o ciclismo é como calquera outro deporte, pero tenche que gustar sufrir, porque durante sete ou oito horas enriba da bici non o pasas ben. A parte, o bum do ciclismo xa pasou. Ata o 2010 foi bastante ben, pero nos últimos anos está estancado. É cíclico, aínda que haxa excepcións como o Gran Fondo Ézaro, que da nada pasou a ser mundial.

-Deste xeito, vostede pertence a ese segundo grupo.

-Na miña casa sempre houbo bicis. Con 3 ou 4 anos regaláronme unha, e con 22 comprei a primeira de carreiras co meu primeiro xornal. E dende aquel non parei. Só a uso para adestrar e para ir facer algún recado, pois o meu traballo non mo permite. ¡Quen me dera! Cando o tempo o permite, ao acabar a xornada laboral, doulle ós pedais durante uns 30-40 quilómetros e, pola fin de semana, xa subo dos 100.

-¡E aínda lle sobra tempo para correr!

-O de iniciarme no atletismo foi moi anecdótico, porque a min nunca me gustou e, de feito, cando o facía na pretempada para coller forza nas pernas, cansábame máis que a propia bici. Pero un día, un coñecido díxome que iso era porque non o probara abondo. E xunteime cun amigo e apunteime ó primeiro Circuíto Correndo pola Costa da Morte. E dende aquela, fun a todas as carreiras e, incluso, a outras de Galicia. Cada semana, mínimo tres días, saio a correr 8 ou 12 quilómetros.

-O mundo ciclista non pasa polos mellores momentos, sobre todo, cando entra en contacto coa estrada. ¿Como ve vostede o conflito?

-O maior problema dos ciclistas é a xente, non as estradas, pois estas, sabes o estado no que están, e podes evitalas ou dar un toque para que as reparen, pero contra a mala educación, pouco podes facer. Ás veces escoito que somos un estorbo, pero o certo é que todos temos dereito a usar as infraestruturas cos mesmos dereitos. E que un ciclista sexa un cafre, non é motivo para atropelalo.

-Neste sentido, ¿sufriu vostede algún enfrontamento en todos estes anos?

-Hai vinte anos, atropeláronme e estiven un ano de baixa con moitos osos rotos. Por aquel tempo, aínda eramos poucos ciclistas e había descoñecemento. Pero o certo é que foi unha imprudencia que quedou aí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O maior problema dos ciclistas é a xente, non as estradas»