«De pequeno no colexio eu xa dicía que quería ser alcalde»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CEE

Jorge Parri

OS NOVOS ASPIRANTES ÁS ALCALDÍAS | CEE | O presidente do club de fútbol local preséntase como un valor de renovación e de concordia: Adrián Leira é o candidato polo Partido Libertario

23 nov 2018 . Actualizado a las 13:38 h.

O presidente del Unión Club Cee e neto do madeireiro Crisanto López, Adrián Leira López, é con só 28 anos a principal novidade para as eleccións de Cee, como cabeza de lista do Partido Libertario.

-¿Que o leva a presentarse?

-É unha ilusión desde pequeno. Cando no colexio che preguntaban que querías ser de maior eu xa dicía que quería ser alcalde. Recórdanme esa anécdota todos os compañeiros que estudaron comigo. E creo que este é o momento no que Cee necesita savia nova.

-¿Que panorama espera despois das eleccións municipais?

-Os extremos non poden cambiar nada porque xeran unha sociedade de medos e de bandos. Parecerá unha parvada, pero son o único candidato que pode sentar a todos xuntos nunha mesa. A Constitución fíxose entre todos e eu o que teño claro é que por min o Concello non vai estar bloqueado.

-¿Non ten medo de que non o tomen en serio?

-Agradezo a pregunta, porque o meu lema é precisamente Cee en serio. Teño unha forma de ser diferente, peculiar e é normal que a xente quede descolocada ao ver que se presenta un rapaz de 28 anos, pero espero uns grandes resultados, porque, vendo os feitos, sempre fun unha persoa moi activa socialmente, de axudar en todas as tarefas. Teño o lastre de botar os últimos sete anos en Madrid e que a xente non sabe o que fixen alá co Alcorcón ou co Rayo Majadahonda. Por iso aínda moitos me vén como aquel rapaz que medraba na alameda. Son unha persoa á que lle gusta a vida con humor, pero iso non significa que non poida ser eficaz.

-¿Que necesidades principais ve en Cee?

-Cee o que precisa é un xestor de maneira urxente. Por iso o primeiro que eu pretendo facer é unha auditoría porque penso que nin sequera sabemos realmente o que temos. Despois, non propoño obras «ópticas», que é como eu as chamo, senón unha xestión integral para ter un pobo unido, que nos permita recuperar moitas cousas que teñen outras localidades veciñas. A xente di que a cabeceira da comarca está morrendo e eu penso que son a persoa axeitada para darlle esa vida a Cee.

-¿Ten xente suficiente para completar a lista?

-Con iso leveime unha sorpresa grandísima, porque me atopei na casa con 84 fotocopias de DNI, que a xente vén traer porque eu aínda non lle ofrecín a ninguén ir nas listas. O que queira participar estamos abertos, pero dende logo teño que lle dar as grazas a eses primeiros valentes. Despois atópome xente pola rúa dándome cariño e iso anímame a seguir adiante, aínda que algún día acabe rebentado, porque me levanto ás sete da mañá para facer campaña porta a porta, para estar coa xente e, por exemplo, agora que vén o Nadal desexarlle o mellor a todas esas persoas que teñen xente súa nos hospitais.