La Voz aposta de novo pola creación infantil co certame Contos de Nadal

O concurso literario, patrocinado por EDP Renewables, está dirixido a nenos de segundo ciclo de educación primaria


Carballo / La Voz

«Sodes dignos herdeiros dos nosos avós, que tamén contaban historias», dicía o director do colexio Manuela Rial (Cee) en decembro do ano pasado, na cerimonia de entrega dos premios do 14º. certame Contos de Nadal, cuxo prazo de inscrición está de novo aberto para quen desexe probar sorte.

La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP, impulsan unha nova edición deste concurso literario, destinado a escolares de segundo ciclo de educación primaria de toda a Costa da Morte. Co obxectivo de fomentar a creatividade entre os máis cativos e enmarcando as narracións no familiar e incomparable marco do Nadal, os estudantes poderán enviar historias de até un máximo de dous folios, un equivalente a 1.500 caracteres. Sempre de creación propia, e en todo caso cunha temática relacionada coa época navideña.

O ano pasado era o xoven Samuel Antelo Castro (CEIP Bormoio-Agualada) o que, a xuízo do xurado que valorou as 130 pezas, redactou a historia máis conmovedora e atractiva. «Na coviña do monte» valeulle o primeiro premio, que recolleu nunha cerimonia pública no Salón do Voluntariado de Muxía.

Este ano, como de costume, haberá premios para os tres mellores contos, e diplomas para os 10 que obteñan a mellor clasificación despois de ser lidos polos membros do xurado. Valoraranse aspectos como a creatividade, a calidade literaria ou o coidado no uso da linguaxe, ademais da estética presentada.

Na delegación de La Voz

Poden participar nenos de calquera centro educativo da comarca, máis o prazo de inscrición é limitado, pois pechará o día 30. Ata entón os colexios poderán traer á delegación de Carballo de La Voz de Galicia (rúa Gran Vía, 84, primeiro andar) os contos dos participantes debidamente identificados.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
5 votos
Comentarios

La Voz aposta de novo pola creación infantil co certame Contos de Nadal